A Xunta reforza a atención á saúde mental das persoas que viven en centros residenciais coa creación de 19 novas prazas de especialistas

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que os difíciles momentos vividos nas residencias durante a pandemia fixeron necesario reforzar este tipo de atención

O programa sociosanitario é un dos proxectos prioritarios dentro do Plan de Saúde Mental poscovid 2020-2024, aprobado polo Goberno galego

Na área sanitaria de Lugo, a incorporación de tres novos profesionais permitiu estender a atención a nove residencias máis, chegando ás 33
 

Lugo, 25 de febreiro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitaron hoxe o centro de Aspnais en Lugo. Neste acto, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego destacou que un dos obxectivos que se marca a Xunta coa posta en marcha do Plan de Saúde Mental poscovid é incrementar a cobertura e a actividade dos programas sociosanitarios.

Este obxectivo, -remarcou o conselleiro-, vai acompañado de recursos e así o plan contempla a creación, ata 2024, de 241 novas prazas de profesionais especialistas en saúde mental no sistema sanitario público galego. Nos dous primeiros anos creáronse 120 e delas 19 son para o programa sociosanitario (9 prazas de psiquiatría, 8 de enfermaría especialista en saúde mental, 1 de psicoloxía clínica e 1 de traballo social). A dotación destas 19 prazas supón un investimento anual de preto dun millón de euros por parte da Xunta, -subliñou García Comesaña-.

Segundo o conselleiro, o resultado deste reforzo reflíctese en que se
puido aumentar a atención que se presta no marco deste programa sociosanitario. En particular, na área sanitaria de Lugo, a incorporación de tres novos profesionais permitiu a extensión do programa a nove residencias máis, chegando ás 33 que son visitadas periodicamente por estes profesionais na actualidade.

Pola súa parte, a conselleira de Política Social destacou que os usuarios de residencias de maiores e persoas con discapacidade viviron momentos moi difíciles durante a pandemia da covid-19, nos que as visitas dos seus familias e as saídas ao exterior se viron limitadas. Por este motivo, apuntou, o Goberno galego puxo en marcha un programa específico de saúde mental para os centros residenciais no que profesionais deste ámbito atendan ao seu benestar emocional.
Atención sanitaria completa

Tal e como remarcou García Comesaña, “grazas a este programa os pacientes poden, sen saír da súa residencia, recibir unha atención sanitaria completa en materia de saúde mental” con revisión da historía clínica; a avaliación psicopatolóxica dos usuarios; as consultas e coordinación co xestor de casos da residencia; a solicitude das probas complementarias necesarias; o deseño dun plan terapéutico individualizado; a supervisión e monitorización da evolución clínica; así como a valoración e monitorización da súa evolución clínica.

O conselleiro destacou que este tratamento directo nas residencias “permite conseguir unha redución das hospitalizacións e do uso dos servizos de urxencias e, algo máis importante, posibilita compatibilizar mellor a vida dun paciente con trastornos de saúde mental dentro dunha residencia sen ter que derivalo”. En consecuencia, “é un paso máis na integración de persoas que unen o seu trastorno de saúde mental a unha situación de discapacidade, de dependencia ou mesmo de idade avanzada e ás que debemos garantir que reciban atención específica para esas distintas problemáticas no mesmo lugar”, -dixo García Comesaña-.

O conselleiro lembrou que estes programas sociosanitarios atenden ademais das persoas cun trastorno mental previo ao ingreso, ás que teñen desenvolto trastornos mentais de xeito tardío, “sendo o máis frecuente a depresión, especialmente logo da pandemia”.

“Avanzamos, por tanto, no camiño de que a persoa non teña que achegarse aos servizos, senón os servizos á persoa, ben sexa con este tipo de atención residencial, domiciliaria ou telemática”. E avanzamos tamén, -dixo o conselleiro-, “na extensión de todos os programas do Plan de saúde mental de Galicia, que van dende a atención aos máis novos, a través dos hospitais de día infanto-xuvenís, ata esta atención aos maiores e ás persoas con discapacidade por medio do programa sociosanitario”.

A pandemia ensinounos que temos que avanzar cara a unha maior integración da asistencia dende o sistema sanitario público na propia residencia, sendo necesario, -proseguiu o conselleiro-, “ter unha relación fluida e constante entre o persoal do Sergas e os profesionais das residencias sociosanitarias, para garantir a atención de calidade ás persoas que viven nestes centros”.

No acto, no que tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta, Javier Arías Fouz, e o xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, interviñeron o presidente de Aspnais, José Reigosa, así como o coordinador do Programa, o doutor Víctor Rodriguez. quen destacou que "temos un contacto permanente con todos os centros aos que vamos, estamos sempre conectados".

Imaxes relacionadas