A Xunta prevé lanzar a mediados de marzo a nova convocatoria do Bono Turístico para reactivar o turismo galego na tempada baixa

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que o Goberno galego asumirá o 40% do importe das tarxetas, que poderán empregarse ata o 31 de decembro, a excepción dos meses de verán

Detallou algúns aspectos da nova convocatoria no corte de cinta da segunda etapa da volta a ciclista “O Gran Camiño”, que hoxe percorre distintos tramos do Camiño Fisterra-Muxía entre as localidades coruñesas de Ames e Dumbría
 

Ames (A Coruña), 25 de febreiro de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a partir de mediados de marzo está previsto que xa sexa posible presentar as solicitudes á nova edición do bono turístico, unha vez que a próxima semana se inicie tamén o proceso de adhesión das empresas turísticas interesadas en participar na convocatoria.

Alfonso Rueda explicou que a Xunta pretende continuar a reactivar a actividade do sector turístico a través do fomento do turismo interno. O bono #QuedamosenGalicia22 estará dispoñible un ano máis para todos os cidadáns maiores de idade empadroados nun concello galego con preferencia aos que non foran beneficiados na convocatoria de 2021. Nesta ocasión, a Xunta asumirá o 40% do custe dos servizos consumidos e os particulares o 60%.

Ao igual que o ano pasado haberá tres tipos de bonos: un de 250 euros -100€ abonados pola Xunta e 150€ polos beneficiarios-; outro de 375 euros -150€ achegados polo Goberno galego e 225€ polos particulares-; e o terceiro de 500 euros -200€ pola Xunta e 300 polos particulares-. Cómpre lembrar que o ano pasado a tarxeta de maior contía foi a escollida na súa gran maioría polos solicitantes.

O vicepresidente primeiro sinalou que a data límite para o seu uso será o 31 de decembro de 2021, se ben durante os meses de verán -entre o 1 de xullo e o 15 de setembro- as tarxetas permanecerán inhabilitadas debido a que esta nova convocatoria vai enfocada a desestacionalizar a oferta e a manter a ocupación e a liquidez no sector na tempada de menor actividade e demanda.

Nesta liña, lembrou a boa acollida que o ano pasado tivo a anterior edición do bono converténdose nunha medida pioneira e nunha historia de éxito de principio a fin esgotando en 12 horas as 12.300 tarxetas dispoñibles e con case 1.200 establecementos turísticos adheridos.
Esta iniciativa permitiu inxectar 7,6 millóns de euros ao sector e supuxo un balón de osíxeno. Ademais, concentrou o consumo no último trimestre, o que da unha idea da capacidade de desestacionalización desta medida.

Así o explicou hoxe antes do corte de cinta da segunda etapa da volta ciclista a Galicia O Gran Camiño, onde asistiu xunto coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. Tras a etapa de onte desde O Porriño a Vigo a través do Camiño Portugués, o percorrido de hoxe saíu da localidade coruñesa de Ames e pasará por puntos do Camiño Fisterra-Muxía ata chegar ao mirador do Ézaro, en Dumbría, onde a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participará na entrega de premios.

A proba entrará mañá na súa recta final na Vía da Prata durante penúltima etapa entre as localidades ourensáns de Maceda e Luíntra e o domingo o Camiño Francés estará presente na última xornada coa contrarreloxo en Sarria.

Trátase dun evento deportivo de primeiro nivel no que colabora a Xunta e que contribúe a promocionar a marca Galicia como destino seguro e o Xacobeo 21-22 funcionando como polo de atracción turística para os afeccionados ao ciclismo e tamén como unha oportunidade única para a dar a coñecer a nivel internacional os recursos turísticos da comunidade nas 4 etapas polas 4 provincias e das distintas rutas do Camiño de Santiago.

Imaxes relacionadas