A Xunta inicia a fase de concurso para sete procesos selectivos nos que se convocaron máis de 550 prazas de emprego público

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións pola que se fai público o procedemento para a acreditación de méritos

O número de aspirantes a baremar ascende a preto de 1.000

O prazo de presentación de méritos remata o vindeiro 11 de marzo

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2022

A Xunta vén de iniciar a fase de concurso para sete procesos selectivos nos que se convocaron un total de 557 prazas de emprego público. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as resolucións polas que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos dos participantes. En total, a Dirección Xeral da Función Pública baremará a 948 aspirantes.

Os procesos selectivos de persoal funcionario nos que se inicia a fase de concurso son o grupo A1 do Corpo Superior da Administración Xeral con 133 prazas de acceso libre e 46 para cubrir mediante o proceso de promoción interna, A1 de Psicoloxía con 55 prazas de acceso libre, o grupo A2 do Corpo de Xestión, con 64 prazas de acceso libre e 127 de promoción interna, o grupo C1 do Corpo Administrativo, con 91 prazas de acceso libre e o grupo I Titulada/o superior de persoal laboral, con 41 prazas de acceso libre.

Os aspirantes dispoñen dun prazo de 10 días hábiles desde a publicación no DOG para a presentación dos seus méritos. O prazo de presentación remata o 11 de marzo.

Remate da fase de concurso

Por outra banda, a Dirección Xeral da Función Pública puxo fin ao prazo de presentación de méritos para outros 8 procesos selectivos nos que se convocaron 726 prazas.

Estes procesos son o grupo A1 de Biólogos (31 prazas), o grupo A2 de Educadores (86 prazas), o grupo A2 de Enfermería (69 prazas), o grupo C2 de Auxiliar de enfermería (305 prazas) e a Agrupación Profesional de persoal subalterno (205 prazas). En canto ao persoal laboral, iníciase a fase de concurso para o grupo II Titulado grao medio (21 prazas), grupo III Administrativo (6 prazas) e o V de ordenanzas (3 prazas).