Román Rodríguez agradece a colaboración do persoal educativo “na construción dun sistema máis avanzado, igualitario e equitativo”

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participa na apertura do 5º Congreso Mundial de Educación Educa 2022 ao que asisten máis de 400 profesionais

No marco deste encontro entregaranse mañá os Premios Educa Abanca aos mellores docentes de España en 2021
 

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na apertura do 5º Congreso Mundial de Educación Educa 2022 que reúne durante dous días a máis de 400 profesionais das distintas ramas do sistema educativo entre os que se inclúen pedagogos, orientadores ou membros dos equipos directivos chegados de diferentes puntos de Galicia, España e outros países.

Na súa intervención, o responsable autonómico de Educación puxo en valor o traballo diario destes profesionais e agradeceu a súa colaboración na construción dun “sistema educativo máis avanzado, igualitario e equitativo”. Neste senso, engadiu que o traballo directo do persoal docente co alumnado “é sen dúbida a pedra angular da nosa educación”. “A vosa dedicación e vocación é un exemplo para todos os rapaces e para toda a sociedade”, precisou.

No marco deste congreso, mañá entregaranse os Premios Educa Abanca aos mellores docentes de España. Nesta edición o galardoado na categoría de profesor universitario é Alexandre Sotelino, mestre na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.

Ademais de Alexandre Sotelino, tamén resultaron finalistas no certame catro docentes galegos. Na categoría de Primaria foron finalistas as profesoras Carmen Quinteiro Moreno e Jessica Rodríguez Piñeiro, dos colexios CEIP A Xunqueira de Pontevedra e CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes, respectivamente. Carlos Encisa de Sá, do instituto Antonio Fraguas de Santiago, foi finalista en Secundaria e Bacharelato, e Patricia García Figueroa, do Centro de estudos Trazo, o foi na categoría de educación non formal.

Imaxes relacionadas