A economía galega medrou no ano 2021 un 5,2%, dúas décimas por riba de España

Os datos de 2021 confirman que, ao igual que no 2020, o PIB galego tivo un mellor comportamento que o español

En canto á evolución interanual, no último trimestre do ano a economía galega presentou un crecemento do 5,1%

O emprego medrou un 7,2% o ano pasado e superou o millón de postos de traballo co que practicamente se recuperaron todos os perdidos na pandemia
 

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2022

A economía galega medrou no ano 2021 un 5,2%, un crecemento dúas décimas superior ao avanzado polo Instituto Nacional de Estadística (INE) para España. O instituto Galego de Estatística (IGE) publica hoxe os datos de contabilidade trimestral referentes ao cuarto trimestre que mostran que Galicia recuperou máis da metade do PIB perdido durante a pandemia e que neste 2022 estará en disposición de recuperar a riqueza prepandemia.

Ademais, os datos do 2021 confirman que, ao igual que en 2020, a economía galega tivo un mellor comportamento que a española. Así, no 2020 caeu 1,9 puntos menos e, o ano pasado, pese a diminuír menos o anterior, o PIB medrou dúas décimas máis. Con isto, nos dous anos de pandemia a economía galega tivo un diferencial positivo do PIB superior aos 2 puntos.

En canto ao último trimestre do ano, o PIB de Galicia medrou un 5,1% en taxa interanual e no referido á evolución sobre o terceiro trimestre, os datos do IGE mostran que a economía galega rexistrou un crecemento do 0,9%.

Desde o punto de vista da demanda, no ano 2021 o gasto en consumo final medrou un 3,7% -cun crecemento do 4,2% no gasto en consumo final dos fogares- e a formación bruta de capital creceu un 1,1%. En canto á demanda externa, as exportacións de bens e servizos medraron un 9,9% e as importacións un 6,5%.

No que respecta á oferta, os servizos medraron un 6,6% e o sector industrial un 4,1%, cun crecemento do 6,1% da industria manufactureira. Pola súa banda, o sector primario descendeu un 0,5% e o da construción un 2,4%.

Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego –medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- medrou un 7,2% no ano 2021 e acadou 1.020.543 postos, 68.887 máis que no ano 2020 co que practicamente se recuperaron todos os perdidos na pandemia.

As ramas de actividade nas que mais medrou foron as relacionadas co comercio, transporte e hostalería (+11,8%), cas actividades profesionais (+7,5%) e no sector da construción (+10,4%).
 

Imaxes relacionadas