A Xunta lanza unha nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital con 4,4 M€ para impulsar a internacionalización de pemes e autónomos

O obxectivo é facilitar e promover as vendas no exterior do tecido produtivo galego a través de ferramentas dixitais innovadoras

A convocatoria da Vicepresidencia segunda e consellería de Economía, Empresa e Innovación, sae publicada hoxe no DOG e mañá ábrese o prazo de solicitudes, oscilando o gasto subvencionable por empresa entre os 18.000€ e os 100.000€

O programa permitiu ata o de agora impulsar máis de 330 plans de internacionalización dixital encamiñados á promoción das compañías e os seus produtos en mais de 90 países, por importe de preto de 12M€

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a publicación dunha nova convocatoria do programa Galicia Exporta Dixital, que abrirá mañá o prazo de presentación de solicitudes na procura de facilitar e promover a internacionalización do tecido produtivo galego. Para isto, a nova edición conta cun orzamento da Xunta de Galicia de 4,4 M€ co obxectivo de apoiar a expansión internacional de empresas —especialmente pemes— e autónomos, a través de novas canles de comercialización partindo de ferramentas dixitais innovadoras.

As axudas son de concorrencia non competitiva e cobren ata un máximo do 80% dos gastos e investimentos necesarios para desenvolver e implementar o plan de internacionalización dixital. Pódese presentar unha única solicitude por empresa cun gasto subvencionable de entre 18.000 e 100.000 euros. No caso de empresas do sector da produción agraria e da pesca, o gasto subvencionable mínimo pode ser igual ou superior a 14.000€, cun máximo de 37.500€ no caso de empresas do sector da pesca e de 25.000€ para as de produción agraria.

Os apoios da Vicepresidencia segunda e consellería de Economía, Empresa e Innovación permitirán aos beneficiarios acometer actuacións de consultoría como diagnóstico de potencial exportador dixital, plans de internacionalización dixital multicanle, plans de mercados electrónicos concretos ou cubrir gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital. Tamén adquirir software relacionado con solucións tecnolóxicas para crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais, programación a medida, solucións de analítica ou intelixencia automatizada así como de inbound márketing ou mesmo crear e adaptar tendas online.

Con esta liña preténdese apoiar a transformación dixital do tecido empresarial galego para favorecer o aforro de recursos, a simplificación dos procesos e a apertura de novas canles de comercialización de produtos e servizos que faciliten o acceso a clientes e mercados de todo o mundo.

Balance 2021

O programa Galicia Exporta Dixital permitiu ata o de agora impulsar máis de 330 plans de internacionalización encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos en máis de 90 países, por importe de preto de 12M€. Así mesmo, compleméntase coas liñas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, que contarán cun orzamento de 7,5M€ para o ano 2022.

Esta serie de accións enmárcanse na nova Estratexia de Internacionalización de Galicia, que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.

Esta estratexia busca que as compañías galegas multipliquen por tres as exportacións a América do Norte, e dupliquen as súas vendas a América do Sur e Asia, ademais de incrementar en máis dun 25% a facturación no Reino Unido. Para acadar ditas metas, contémplase, como primeiro paso, un plan de acción inicial ata o 2023 que suma máis de 70M€ para impulsar a recuperación económica do tecido empresarial galego tras a pandemia da covid-19.

Esta aposta pola internacionalización fixo de 2021 un ano histórico para as exportacións galegas. As vendas ao exterior da Comunidade superaron os 25.000M€ o pasado exercicio, o que se supón un novo teito e un incremento do 21,1% con respecto a 2020. Cifras ás que cabe sumarlle outras como a suba do número de empresas exportadoras galegas, que marca tamén neste período un novo récord chegando ás 9360, un 31,5% máis que en 2020.

Imaxes relacionadas