Arias destaca a aposta da Xunta polo Camiño de Inverno neste Xacobeo, con investimentos por máis de 2 M€ no sur de lugo

O delegado territorial de Lugo comprobou as melloras executadas nun treito á altura de Rioseco, en Monforte de Lemos

Nos últimos meses leváronse a cabo accións de acondicionamento e sinalización do trazado e de incremento da seguridade dos peregrinos nas estradas autonómicas

Dende hoxe poden solicitarse de novo as achegas para o embelecemento da contorna das rutas, que o pasado ano impulsaron sete actuacións no sur lucense

Monforte de Lemos (Lugo), 24 de febreiro de 2022

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou hoxe a aposta da Xunta por impulsar o Camiño de Inverno aproveitando que este Xacobeo dobre é o primeiro que se celebra dende que se declarara ruta oficial de peregrinación no 2016, materializando investimentos por máis de 2.073.000 euros.

Arias comprobou as melloras executadas nun tramo do Camiño á altura do barrio de Rioseco, en Monforte de Lemos, no marco do plan de acondicionamento de treitos que necesitaban unha rehabilitación e de sinalización integral da ruta, que supuxo un orzamento de 925.000 euros na provincia.

En concreto, deste montante total 236.500 euros corresponden ao municipio de Monforte, 223.400 euros ao de Quiroga, 213.800 euros á Pobra de Brollón, 128.830 a Chantada, 74.600 a Pantón, 42.880 ao Saviñao e 5.000 a Ribas de Sil.

Arias tamén destacou que está previsto que este ano entre en funcionamento o primeiro albergue público de peregrinos desta zona, na antiga residencia bispal de Diomondi no Saviñao, logo de investir máis de 1 millón de euros na rehabilitación integral deste edificio medieval declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Así mesmo, lembrou que se realizaron intervencións para mellorar a seguridade viaria para os peregrinos en catro puntos da estrada autonómica LU-933 en Quiroga, na LU-213 nun cruce en Chantada e na LU-652 na Pobra de Brollón. O importe das seis actuacións ascendeu a preto de 70.000 euros.

Nova convocatoria de axudas

Javier Arias fixo referencia ao programa de axudas dirixido a concellos e outras entidades así como aos particulares para actuacións de embelecemento na contorna do Camiño, que o pasado ano impulsou sete obras nesta área, con achegas que sumaron 78.300 euros.

Arias detallou que catro destes proxectos foron promovidos por particulares, dous en Chantada, un en Pantón e outro en Quiroga. Os outros tres partiron de concellos. Así, grazas a estes apoios, o concello da Pobra de Brollón realizou traballos de conservación da Ponte de Barxa e a mellora e pavimentación dun tramo; no Saviñao adecuaron a contorna da escola de Montecelo-Diomondi, e en Monforte de Lemos acondicionaron a contorna do centro social de Reigada.

Estas axudas poden solicitarse de novo dende hoxe e ata o vindeiro día 23 de marzo. Están dirixidas ás entidades locais, persoas físicas e persoas xurídicas sen ánimo de lucro, comunidades de propietarios, asociacións de veciños e outras entidades e institucións.

Poden utilizarse para a rehabilitación ou reforma de espazos e inmobles públicos ou privados, sempre que incidan e procuren a mellora paisaxística e embelecemento do Camiño de Santiago. O importe da subvención será do 75 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 15.000 euros para concellos e 10.000 euros para os demais beneficiarios.

Imaxes relacionadas