A Xunta promove a autoprotección mediante un xogo en liña destinado a alumnos de educación secundaria

Trátase dunha oferta lúdico-didáctica promovida pola Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), que chegará aos centros educativos de forma telemática, e cuxo obxectivo é formar e sensibilizar a mocidade sobre a importancia da prevención

A proposta inclúe un xogo en liña de preguntas e respostas, que contén unha clasificación final dos colexios con maior puntuación

Ademais, os alumnos terán acceso a diverso material audiovisual, co que poderán traballar nas aulas e aprender a protexerse ante incendios forestais, inundacións e riscos no fogar

Calquera centro poderá participar nesta actividade, con especial atención a aqueles situados nas fronteiras con Castela y León e Portugal, onde hai implantado o protocolo de cooperación ARIEM+

A Estrada (Pontevedra), 24 de febreiro de 2022

A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) difunde entre os centros de Educación Secundaria Obrigatoria material lúdico-didáctico para promover a cultura da prevención entre a mocidade.

Esta oferta, que chegará aos centros de maneira telemática, inclúe un xogo en liña, que permanecerá aloxado na páxina web da AXEGA, e cuxo obxectivo é formar e sensibilizar aos rapaces e rapazas sobre a importancia da auto protección.

Ademais, este xogo dispón dunha clasificación final cos centros que tiveran acadado a maior puntuación ao responder correctamente a todas as preguntas que se formulan.

Para iso, contarán con material audiovisual e informativo de apoio, co que poderán traballar na aula, ao tempo que amplían os seus coñecementos sobre o número único de atención ás emerxencias 112 e aprenden a protexerse ante situacións de risco tales como incendios forestais, inundacións e accidentes no fogar.

Calquera centro que o desexe poderá participar nesta actividade, con especial atención a aqueles situados en zonas fronteirizas con Castela y León e Portugal, pois existe un apartado destacado para o coñecemento do protocolo de resposta e cooperación transfronteiriza en caso de emerxencias graves ou catástrofes, que é o ARIEM+.