A Xunta mobilizará máis de 27 M€ na mellora de 12 BIC no marco do Plan Xacobeo Next Generation

O vicepresidente primeiro incide en que a Comunidade recibiu case o 40% dos fondos desta convocatoria aberta polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para rehabilitar o patrimonio histórico de uso turístico dos Camiños

Salienta que este financiamento permitirá executar obras de rehabilitación de espazos de uso turístico, aplicar melloras de sustentabilidade, accesibilidade e eficiencia enerxética, e impulsar a dixitalización destes bens
 

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, que o Goberno galego vai mobilizar máis de 27 millóns de euros na mellora de 12 BIC no marco do Plan Xacobeo Next Generation.

Logo de incidir en que a Comunidade recibiu case o 40% dos fondos desta convocatoria aberta polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para rehabilitar o patrimonio histórico de uso turístico dos Camiños, Rueda reiterou a petición de “estender os beneficios fiscais do Xacobeo ata o ano que vén”.

Deste xeito, este financiamento permitirá executar obras de rehabilitación de espazos de uso turístico, aplicar melloras de sustentabilidade, accesibilidade e eficiencia enerxética, e impulsar a dixitalización destes bens. E, ademais, segundo salientou Rueda, esta inxección de recursos vai permitir poñer aínda máis en valor estes bens e tamén terán un impacto positivo na actividade económica e no emprego.

Máis polo miúdo, o vicepresidente primeiro explicou que os BIC beneficiarios destas axudas son a Fortaleza de Monterrei (16,9 M€); o parque do Pasatempo en Betanzos (1,8 M€); o arquipélago de Ons (1,69 M€); a paisaxe cultural da Ribeira Sacra (1,69 M€); a Ribeira do Lérez desde As Xunqueiras ata as Aceñas (1,21 M€); a Torre de Hércules (1,2 M€); o arquipélago de Sálvora (968.000 €); a Casa Museo de Valle Inclán de Vilanova de Arousa (522.000 €); o cárcere vello de Tui (484.000 €); as Torres do Oeste de Catoira (363.000 €); o conxunto histórico de Mondoñedo (330.000 €); e o castelo de Santa Cruz da Guarda (242.000€).

Rueda explicou que todas estas actuacións encaixan coas follas de ruta e plans de mellora dos Camiños de Santiago. Nesa liña, lembrou o Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago, que supuxo un investimento de máis de 43 M€ entre 2015 e 2021, e o Plan Xacobeo Next Generation, que prevé mobilizar máis de 47 M€.

A maiores, a Xunta contempla impulsar dúas accións de cohesión por 10 M€ -a promoción da Ruta Xacobea Mar de Arousa e Río Ulla (Traslatio) e as iniciativas Galicia como destino cicloturista e Camiño seguro en familia- e 4 Plans de Sustentabilidade Turística promovidos polos concellos de Vilagarcía e Oia, pola Mancomunidade do Salnés e pola Deputación de Pontevedra.
 

Imaxes relacionadas