A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento

A Xunta asinará en marzo un convenio co Concello de Pantón para dotar de abastecemento de auga varias parroquias do municipio cun investimento de 650.000€

O Goberno galego contratará e executará as obras, que permitirán achegar o servizo de abastecemento ás parroquias de San Vicente de Castillón, Santiago de Castillón e Santo Estevo do Mato

Remarca o apoio do Goberno galego aos municipios nas súas competencias de saneamento, abastecemento e depuración, responsabilidades nas que as deputacións provinciais tamén teñen a obriga de colaborar

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, salientou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento que a Xunta colaborará co Concello de Pantón para dotar de abastecemento de auga a varias parroquias do municipio, o que suporá un investimento de 650.000 euros.

Teresa Gutiérrez explicou que o obxectivo deste acordo é impulsar o servizo de abastecemento de auga potable nas parroquias de San Vicente de Castillón, Santiago de Castillón e Santo Estevo do Mato.

Indicou que a Xunta continúa avanzando na tramitación deste acordo, que se prevé aprobar en marzo para, a continuación, licitar as obras de execución desta rede de abastecemento.

Subliñou que a pesar de que o abastecemento, igual que o saneamento e a depuración, é unha competencia municipal, a Xunta está a colaborar co Concello de Pantón para proporcionarlle este servizo aos veciños.

Neste sentido, remarcou o apoio do Goberno galego aos municipios na prestación das súas responsabilidades hidráulicas e lembrou que, segundo a normativa estatal, tamén as deputacións provinciais teñen a obriga de axudar aos concellos neste eido, especialmente aos máis pequenos.

Neste sentido, subliñou que a Xunta está a impulsar a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga co obxectivo de axudar aos concellos ante as dificultades técnicas e financeiras que teñen para poder exercer de forma correcta as súas responsabilidades.

Apuntou que se trata de dar un paso máis na axuda aos municipios co fin de acadar unha xestión profesionalizada das infraestruturas e servizos hidráulicos.

A este respecto, instou a sumar esforzos ante unha solución que a Xunta vén de pór enriba da mesa para solucionar os problemas de saneamento, abastecemento e depuración nos concellos.

Imaxes relacionadas