A Xunta construirá unha nova senda peonil na estrada autonómica PO-235 no concello da Lama

? As obras, que suporán un investimento autonómico de máis de 48.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas
O obxectivo é mellorar o tránsito peonil executando un itinerario na marxe esquerda da estrada, entre os puntos quilométricos 12+820 e 13+510, que actualmente non conta con zona de circulación a pé independente do tráfico rodado

A Xunta leva investidos 1,7 M€ na mellora da estrada PO-235, entre Antas e Seixido, actuacións que se acometeron en dúas fases e á disposición dos veciños desde 2020

O departamento que dirixe Ethel Vázquez tramita o proxecto da 3ª fase desta actuación, para acondicionar o treito da PO-235 entre os puntos 18+100 e 25+000
 

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022

A Xunta adxudicou as obras de execución dunha nova senda peonil na estrada autonómica PO-235, ao seu paso polo concello da Lama.

As obras, adxudicadas á empresa Construcciones Enrique C Casas S.L. por máis de 48.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas.

Trátase de mellorar o tránsito peonil, para o que se executará un itinerario na marxe esquerda da estrada PO-235, entre os puntos quilométricos 12+820 e 13+510, xa que actualmente non conta con zona de circulación a pé independente do tráfico rodado.

A intervención proxectada prevé dúas solucións construtivas diferenciadas para a execución desta senda de 690 metros de lonxitude.

Así, nas zonas da senda onde a beiravía se atope pavimentada aplicarase un tratamento superficial con slurry asfáltico coloreado, para diferenciar de xeito claro a zona de circulación peonil do resto da calzada.

No resto das zonas, a senda executarase cun ancho de 1,8 metros, formada por unha capa de 16 centímetros de espesor de formigón cor terrizo, á mesma cota que a da calzada adxacente.

Para desenvolver o novo itinerario peonil será necesario a construción de dous pequenos tramos de muro de perpiaños, entres os puntos quilométricos 12+865 e PK 12+900, e entre os puntos quilométricos 12+995 e 13+015.

Ademais, en ambos os tramos, e debido á existencia dun desnivel significativo na marxe da senda, colocarase unha varanda de protección lateral de forma que se eviten as caídas a distinto nível.

Cómpre destacar que o departamento de Infraestruturas da Xunta leva investidos 1,7 M€ no acondicionamento da PO-235, entre Antas, no punto quilométrico 11+870, e Seixido, no quilómetro 18+000. Estas actuacións acometéronse en dúas fases e están á disposición dos veciños desde o ano 2020.

Ademais, a Xunta está a tramitar o proxecto da terceira fase da actuación, para acondicionar o treito entre os puntos quilométricos 18+100 e 25+000.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable.