A Xunta leva investidos case 15 M€ no funcionamento e equipamento das agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Comunidade

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Bergondo

Santiago Villanueva destacou o compromiso do Goberno galego para apoiar a estas agrupacións polo seu labor altruísta e o reforzo aos servizos de emerxencias

Bergondo (A Coruña), 24 de febreiro de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, desprazouse esta mañá a Bergondo, onde mantivo un encontro con representantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) deste concello e dos seus voluntarios. Durante o encontro destacou o traballo que levan a cabo as agrupacións como reforzo dos servizos de emerxencias, especialmente en actividades de prevención, si ben en moitas ocasións son as primeiras en chegar e intervir, prestando unha inestimable colaboración.
Nesta liña, incidiu que co seu labor altruísta e desinteresado velan cada día pola seguridade dos seus veciños. Por iso, sinalou o compromiso da Xunta para dotar do material necesario a estas agrupacións para que poidan realizar o seu traballo con seguridade e mellorando a eficiencia do servizo.
Así, nos últimos anos o Goberno galego leva investidos case 15 millóns nas AVPC da comunidade, dos que 11 millóns se corresponden co reforzo do equipamento e máis de 4 millóns para sufragar os seus gastos de funcionamento.

No caso da AVPC de Bergondo, a Xunta destinou máis de 98.400 euros. Por unha parte recibiu axudas por importe de case 32.000 euros, procedentes das partidas destinadas ao funcionamento das AVPC galegas. Ademais, a agrupación de Bergondo recibiu nos últimos anos máis de 66.500 euros das ordes de axudas para equipamento, incluíndo entre o material cedido un vehículo pick-up, varios termais Tetra con GPS, un remolque de salvamento e outro de emerxencias, así como unha tenda de campaña de emerxencias.

O director xeral de Emerxencias e Interior lembrou que os efectivos desta AVPC de Bergondo e do conxunto das 234 agrupacións da comunidade tamén teñen á súa disposición a formación que presta a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) tanto co curso básico para obter o carné de voluntario como con formación continua para actualizar os seus coñecementos.

A Xunta mantén a súa implicación na dotación de equipamento aos servizos de emerxencias das entidades locais galegas, aos que destinou case 20 millóns de euros, xa que aos 11 millóns destinados a material de emerxencias para as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil súmanse outros 8 millóns de euros as Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). Tamén colabora no seu funcionamento asumindo máis de 40 millóns do custo dos GES e 4 millón nas AVPC. En total, máis de 60 millóns de euros investidos polo Goberno galego nos últimos 12 anos para colaborar no funcionamento, equipamento e formación dos servizos de emerxencias da comunidade.

Imaxes relacionadas