A Xunta apoia os programas desenvolvidos por AFA Chantada para atender a persoas con alzhéimer

O delegado territorial, Javier Arias, visitou a asociación chantadesa de familiares de pacientes que sofren esta doenza para coñecer as actividades de estimulación cognitiva que organizan coa colaboración do Sergas

Chantada (Lugo), 24 de febreiro de 2022.- A Consellería de Sanidade colabora coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Chantada (Afa Chantada) para desenvolver programas de atención sociosanitaria dirixidos a persoas que sofren esta doenza.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a sede da entidade para coñecer as actividades de rehabilitación cognitiva que organiza o colectivo grazas a unha achega concedida na anterior convocatoria de axudas a entidades sen ánimo de lucro para levar a cabo este tipo de iniciativas.

Arias salientou o importante labor das asociacións neste eido, “xa que promoven actuacións que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas enfermas de alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas e ofrecen apoio aos seus familiares”.

Na provincia de Lugo, no ano 2021 a Consellería de Sanidade tamén colaborou cun programa das mesmas características impulsados pola Asociación de Familiares de Persoas con Alzhéimer e outras Demencias de Viveiro (AFA Viveiro).

En canto á convocatoria deste ano, Arias destacou que incrementou o seu orzamento nun 40% ata alcanzar os 250.000 euros, co que a Xunta quere chegar a máis asociacións sen ánimo de lucro que desenvolven programas de apoio psicolóxico, estimulación cognitiva, integración sensorial, rehabilitación de fisioterapia para pacientes con TEA e tratamentos para persoas con trastornos de conduta alimentaria, enfermidades raras, alzhéimer, ELA, enfermidades neurodexenerativas e parálise cerebral ou dano cerebral adquirido. Tamén medra a contía máxima das achegas, que pasa de 12.000 a 16.000 euros.
 

Imaxes relacionadas