Nava Castro sinala o seguro coronavirus como factor clave para posicionar Galicia como destino seguro

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, compareceu hoxe diante da Comisión 6ª do Parlamento para avaliar os primeiros resultados na implantación e a posta en funcionamento do seguro coronavirus o pasado mes de xuño.
A aposta do Goberno galego por medidas complementarias coma este, segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, contribuíron decididamente a ofrecer unha imaxe de Galicia como destino seguro, destacando o seguro como factor clave no proceso de recuperación do turismo galego.
No caso do seguro coronavirus, lembrou que contribuíu a recuperar a confianza dos viaxeiros ofrecéndolle un plus de tranquilidade. Deste xeito, converteuse nunha medida pioneira que situou á comunidade á vangarda na posta en marcha de medidas para fortalecer a marca de Galicia como destino turístico seguro. Nesta liña, outras comunidades amosaron interese por coñecer esta proposta innovadora co obxectivo de levar a cabo medidas similares.
“Galicia fixo os deberes e anticipouse ás necesidades dos novos turistas tomando as medidas oportunas para acadar un turismo seguro e os resultados aí están: en 2021 rexistramos máis de 4,2 millóns de viaxeiros aloxados, preto de 9 millóns de noites e case 180.000 compostelas entregadas, o que supuxo 22 puntos mellor ca media nacional”, sinalou Nava Castro.
O seguro coronavirus, que segue vixente polo menos ata o 31 de maio, con posibilidade de prórroga, é un seguro de asistencia en viaxe complementario para dar cobertura por covid-19 para viaxeiros nacionais ou internacionais que elixan Galicia e se aloxen en establecemento regrados ou albergues de peregrinos, incluídos peregrinos que acrediten estar facendo o Camiño de Santiago.
Desde a súa posta en marcha, a maioría dos usuarios que precisaron activar o seguro foron españois (76%) mentres que o resto foron estranxeiros procedentes de Italia, Arxentina ou Alemaña, entre outros países.