O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se convoca para marzo e maio os propietarios dos terreos necesarios para executar as obras

A Xunta investirá 334.000 euros na construción das sendas de Soesto e de Serantes, na antiga traza da estrada autonómica AC-433, no concello de Laxe

Habilitaranse en total algo máis de 1,3 quilómetros de itinerarios peonís ao longo desta vía, co obxectivo de facilitar os desprazamentos a pé dos veciños e favorecer unha mobilidade máis segura e sostible nestes núcleos

A consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar as obras en primavera, cun prazo de execución de 8 meses

O levantamento de actas previas será o 7 de marzo, das 10:30 ás 12:15 horas na Casa do Concello, e a formalización de actas previas o 23 de maio, á mesma hora e no mesmo lugar

Conectaranse pola marxe esquerda da vía os lugares do Rueiro e Castrelo, en Soesto, e pola marxe dereita, o núcleo de Serantes coa igrexa de Santa María e o cemiterio

Estes novos itinerarios súmanse aos executados nunha 1ª fase do Plan de sendas de Bergantiños, que incluíu 11 km de novas sendas e un investimento de 5 M€
 

Santiago de Compostela, 24 de febreiro 2022

A Xunta investirá 334.000 euros na construción das sendas de Soesto e de Serantes, na antiga traza da estrada autonómica AC-433, no concello de Laxe. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se convoca para marzo e maio os propietarios dos terreos necesarios para executar esta obra.

Con esta nova actuación no municipio coruñés, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade busca facilitar os desprazamentos a pé dos veciños e favorecer unha mobilidade máis segura e sostible nestes núcleos.

As obras foron licitadas no mes de xaneiro e o obxectivo é comezar os traballos na primavera, cun prazo de execución de 8 meses. A actuación é susceptible de financiación a través dos fondos React UE de resposta fronte á pandemia.

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar o 7 de marzo, das 10:30 ás 12:15 horas, na Casa do Concello de Laxe. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 23 de maio, tamén na mesma hora e lugar.

Os actos expropiatorios realizarase seguindo o estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://bit.ly/3BMu2yF .

Os novos itinerarios

As obras consisten na execución de algo máis de 1,3 quilómetros de sendas ao longo da estrada AC-433, que se construirán en formigón coloreado, para facelas máis visibles, e de cor terrizo natural, para unha mellor integración na contorna. O ancho destes itinerarios oscilará entre os 1,50 e os 2 metros.

A senda do núcleo de Soesto executarase pola marxe esquerda da AC-433 e ten como obxectivo conectar os lugares do Rueiro e Castrelo. Construirase un itinerario de preto de 600 metros de lonxitude, do punto quilométrico 10+240 ao 10+821, o treito máis urbanizado e, tamén, o que empregan os veciños para ir á praia de Soesto.

No caso de Serantes, a senda executarase ao longo de algo máis de 700 metros de lonxitude pola marxe da estrada actual, pero apoiada na antiga traza, entre os núcleos de Conlle e O Piñeiro. Neste caso, o itinerario discorrerá pola marxe dereita da vía, entre os puntos quilométricos 11+390 ao 12+112, para favorecer a conexión coa igrexa de Santa María de Serantes e o cemiterio.

A Xunta incluirá no proxecto a recolocación de toda a sinalización e das defensas existentes. Na zona de Serantes prevense novas defensas que consisten na colocación de 454 metros de varanda metálica galvanizada e 14 balizas cilíndrica flexible tipo, con bandas retroreflectoras.

Plan de sendas de Bergantiños

Estas dúas novas intervencións en Laxe súmanse á senda peonil e ciclista que conecta a vila e o paseo marítimo, xa en servizo, cun investimento da Xunta de 330.000 €. Con ese itinerario conéctase a zona deportiva, educativa e de lecer de Cabo da Area, centro de equipamentos do municipio, coa propia vila.

As novas sendas súmanse aos 7 itinerarios, 6 xa en servizo, no marco da primeira fase do Plan de sendas da comarca de Bergantiños. En total, a Xunta impulsou a execución de 11 quilómetros de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento de preto de 5 M€. As actuacións están cofinanciadas con fondos FEDER 2014/2020.

A Xunta continúa impulsando a execución de novos itinerarios na comarca de Bergantiños para favorecer os desprazamentos cotiáns a pé dos veciños.