A Xunta avoga por promover un emprendemento de calidade que mesture talento e innovación

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na apertura do Spin Up Invest, segundo foro de investimento no marco do proxecto de cooperación transfronteiriza Spin Up

Pon en valor a importancia da dinamización da cultura emprendedora a través da innovación aberta nas contornas empresarial e universitaria

Destaca a rede de aceleradoras que apoia o Goberno galego na que se desenvolven programas como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future, Connecting For Good Galicia ou as ‘business factories’ vinculadas á industria da automoción (BFAuto), ao sector agroalimentario (BFFood), ao aeroespacial (BFAero) e ao farmacéutico (BFMedicines)

Salienta actuacións como os coworking, espazos de emprendemento que permitiron impulsar ata o de agora máis de 400 novas iniciativas empresariais en Galicia; ou programas como o Galicia Emprende e o Galicia Emprende Rural, que xa contribuíron a consolidar preto de 550 proxectos de negocio
 

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na apertura do Spin Up Invest, segundo foro de investimento que se celebra no marco do proxecto de cooperación transfronteiriza Spin Up, onde avogou por promover un emprendemento de calidade que mesture talento e innovación.

“Parte do noso traballo diario como Administración é potenciar as condicións máis adecuadas para que os nosos emprendedores, e o tecido produtivo galego no seu conxunto, poida e saiba combinar talento e emprendemento con innovación, así como facer da creatividade e o talento pancas do desenvolvemento industrial e económico de Galicia”, aseverou Guldrís.

Nesta liña, puxo en valor a importancia da dinamización da cultura emprendedora a través da innovación aberta nas contornas empresarial e universitaria. Un obxectivo que, salientou, cumpre esta iniciativa, encamiñada a estimular a creación de empresas a través da transferencia de tecnoloxía e coñecemento, facilitando o encontro entre o tecido produtivo e os propios axentes xeradores de coñecemento.

O director do Igape destacou o compromiso do Goberno galego cun “emprendemento de calidade”, baseado tanto na transformación dixital, na innovación e o impulso das tecnoloxías emerxentes, como na orientación do talento cara á oferta de servizos e produtos adaptados ás novas necesidades dos clientes.

Desta aposta, salientou, xorden proxectos como a rede de aceleradoras que vén impulsando a Xunta de Galicia, e na que se desenvolven programas como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future, Connecting For Good Galicia ou as business factories vinculadas á industria da automoción (BFAuto), ao sector agroalimentario (BFFood), ao aeroespacial (BFAero) e ao farmacéutico (BFMedicines).

Así mesmo, Guldrís resaltou outras actuacións no ámbito do emprendemento que está a levar a cabo o Goberno galego, como a rede de espazos coworking, que inician unha nova edición, e que permitiron impulsar ata o de agora máis de 400 novas iniciativas empresariais en Galicia. Ou programas como o Galicia Emprende e o Galicia Emprende Rural, que suman preto de 550 proxectos emprendedores promovidos.

O director do Igape valorou tamén o traballo que está a levar a cabo XesGalicia “impulsando o ecosistema de startups, o emprendemento e a innovación, ao tempo que promove o retorno do talento galego”. Neste sentido, destacou, a sociedade xestora suma máis de 34M€ do seu patrimonio asociado a startups, tendo máis de 80 en carteira e máis de 17M€ de fondos dispoñibles para novos investimentos nestas compañías.
 

Imaxes relacionadas