Galicia recibirá 224,5 millóns de euros pola sentenza do IVE de decembro de 2017

O BOE publica hoxe unha orde do Ministerio de Hacienda e Función Pública co importe a aboar a cada comunidade autónoma, o que vén a concretar o cumprimento da sentenza para Galicia

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022

Galicia recibirá 224,5 millóns de euros pola sentenza do IVE correspondente ao mes de decembro de 2017. O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica hoxe unha orde do Ministerio de Hacienda e Función Pública co importe a aboar a cada comunidade autónoma, o que vén a concretar o cumprimento da sentenza para Galicia.

A cantidade a aboar a Galicia por esta sentenza ascende a 211 millóns de euros máis os xuros de demora, o que coincide cos cálculos realizados polo Goberno galego. Dos 185 millóns de euros que o Goberno central terá que aboar ás comunidades autónomas e concepto de xuros de demora, a Galicia correspóndenlle uns 14 millóns.

Galicia tiña razón

A sentenza 553/2021, do 23 de abril do Tribunal Supremo deu a razón a Galicia na súa reclamación da mensualidade do IVE correspondente ao mes de decembro de 2017 e recoñeceu o dereito a que a Comunidade fora compensada por esa mensualidade que non ingresou o Executivo central e a pagarlle os xuros de demora.

Dita resolución xudicial acreditou que o Goberno central vulnerou o dereito á autonomía financeira da Comunidade galega, que esa actuación orixinou un quebranto económico á facenda autonómica, e que dese xeito se produciu un enriquecemento indebido para a Administración do Estado.

A Xunta actuou sempre coa máxima lealdade institucional e por iso Galicia foi a primeira Comunidade en advertir desta situación en xullo de 2018 e reclamar a mensualidade correspondente ao IVE de 2017 que o Goberno central tiña que ter transferido no ano 2019 en cumprimento do sistema de financiamento autonómico.

O Executivo galego reclamou de maneira reiterada ao Goberno central que fixese este abono, tal e como acreditan os feitos probados na sentenza. Neste sentido, a Xunta esixiu en varias ocasións unha solución nos Consejos de Política Fiscal y Financiera (CPFF).
Ademais, elaborou informes xurídicos que facilitaban unha solución; esixiu coñecer os informes xurídicos nos que o Estado apoiaba a súa posición e aportoulle os seus; mesmo redactou unha proposta normativa para solucionar esta cuestión que foi remitida ao Goberno e que non foi tomada en consideración; e tamén impulsou a aprobación de resolucións no Parlamento de Galicia en apoio a esta reclamación.

En definitiva, Galicia liderou primeiro a reclamación xusta do IVE adebedado e liderou tamén a solución. Deste xeito, estes recursos retidos polo Executivo central poderanse transferir a todas a comunidades, acudisen ou non aos tribunais.

Imaxes relacionadas