A Xunta colabora coa asociación de veciños Baiuca do Concello de Teo cunha axuda para diversas melloras

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña. Gonzalo Trenor, as melloras levadas a cabo a través das axudas do Goberno galego

Natalia Prieto lembrou que a Xunta publicou recentemente a orde de axudas do Plan específico de acción comunitaria, que incrementa o orzamento nun 20%, ata acadar os 3 millóns de euros

Teo (A Coruña), 23 de febreiro de 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, comprobou hoxe as obras de acondicionamento, reforma de local e instalación de calefacción levadas a cabo na Asociación de Veciños Baiuca, en Teo que recibiron o pasado ano preto de 17.000 euros. A organización foi unha das 173 entidades beneficiarias na comunidade o ano pasado da convocatoria de axudas do Plan específico de Acción Comunitaria.
Natalia Prieto, lembrou que a Xunta vén de renovar esta orde, na que o Goberno galego incrementa o orzamento nun 20%, ata acadar os 3 millóns de euros, na súa aposta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega.

A orde, en réxime de concorrencia competitiva, establece as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2022 dentro do plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

Os investimentos van destinados ao acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e a compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades. Ademais, son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.

Imaxes relacionadas