A Xunta outorga 593.000€ a Amencer-Aspace este ano para financiar 39 prazas de atención a nenos con parálise cerebral en Pontevedra e Vilagarcía

O delegado territorial, Luis López, e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitaron esta mañá o seu centro de atención integral, que atende a 17 usuarios, na parroquia de Lourizán

A entidade recibe achegas da Consellería de Política Social, en réxime de concerto, para este servizo e para os centros de día do barrio pontevedrés de Campolongo e do Princesa Letizia, situado en Vilagarcía de Arousa

A asociación, que atende a 120 familias da provincia de Pontevedra, tamén participa xunto a outras entidades en programas de alimentación, teleasistencia, atención temperá, apoio educativo ou integración coas axudas do 0,7% do IRPF da Xunta
 

Pontevedra, 23 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, vén de outorgar novamente unha achega de 593.000 euros para o presente ano á asociación Amencer-Aspace co obxectivo de financiar 39 prazas de atención, coidado e transporte de nenos con parálise cerebral e outros trastornos neuromotores nos seus centros de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitaron esta mañá o seu centro de atención integral, emprazado no barrio de Pontemuíños da parroquia de Lourizán, xunto ao seu presidente, Carlos Godoy, e a xerente, Mónica Touriño.

Este centro é o máis importante desta entidade, posto que conta con 17 prazas concertadas e financiadas pola Xunta, que tamén coopera cos centros de día do barrio de Campolongo, con 9 prazas, e co Princesa Letizia de Vilagarcía, con 13 prazas.

“A Consellería de Política Social leva colaborando con esta entidade, para facer posible o seu gran labor, con 6,3 millóns de euros para o financiamento de prazas dende o ano 2009, o que demostra o enorme compromiso que temos coa integración, a igualdade e a autonomía persoal de todos os galegos”, explicaron os representantes autonómicos.

A asociación Amencer-Aspace presta servizo na actualidade a unhas 120 familias da provincia de Pontevedra e ten previsto seguir ampliando o seu radio de acción coa recente construción do seu novo centro de atención integral de Vigo, financiado pola Fundación Amancio Ortega e inaugurado o pasado mes de abril.

“Hai que aplaudir o ánimo deste colectivo para crear os recursos especializados para mellorar a calidade de vida e benestar dos nenos con parálise cerebral e trastornos neuromotores e das súas familias e por iso cada ano aumentamos os recursos económicos transferidos ou as prazas concertadas, que incrementamos en sete hai tres anos, e existe a intención de colaborar co financiamento do novo recinto en Vigo”, comentaron Luis López e Fernando González Abeijón.

Así mesmo, esta entidade tamén recibe importantes achegas das axudas do 0,7% do IRPF convocadas por Política Social, xa que recibiu 343.000 euros en tres anos para a ampliación do centro de día Princesa Letizia de Vilagarcía e máis de 500.000 euros anuais, compartidos con outras entidades, para programas de alimentación, atención a domicilio, atención temperá, apoio educativo, integración social e respiro familiar.
 

Imaxes relacionadas