A Xunta achegou preto de 130.000 euros en catro anos para mellorar a accesibilidade da fervenza do Ézaro

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, comprobou os traballos de eliminación das barreiras arquitectónicas levados adiante na fervenza para a que o Goberno galego achegou o ano pasado case 30.000 euros

Dumbría foi un dos 122 concellos que se beneficiaron o ano pasado ao abeiro da orde de axudas para a mellora das infraestruturas turísticas dos municipios de ata 10.000 habitantes

A Xunta destina 1M€ á nova convocatoria para este ano coa que se pretende poñer en valor os recursos turísticos dos municipios e a súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística co obxectivo de atraer visitantes

As axudas enmárcanse no Plan Camiña, que inclúe medidas de apoio coma estas destinadas ás entidades locais, así como outras dirixidas ás empresas do sector turístico galego e ao turismo familiar, ás universidades e ás entidades sen ánimo de lucro
 

Dumbría (A Coruña), 23 de febreiro de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe os traballos de mellora da accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas levadas adiante na fervenza de Ézaro, no concello de Dumbría, ao abeiro da orde de subvencións para a mellora de infraestruturas turísticas dos concellos de ata 10.000 habitantes. “Este ano continuaremos con este apoio aos concellos coa nova convocatoria á que destinamos 1 millón de euros co obxectivo de seguir atraendo visitantes a estes territorios”, explicou Nava Castro.
A Xunta achegou case 30.000 euros o ano pasado para acometer os traballos de mellora, que se suman aos case 100.000 euros investidos desde 2018 para a posta en valor deste recurso turístico de primeiro orde na Costa da Morte, unha parada obrigada para quen visita este territorio, tal e como puxo de manifesto a directora de Turismo de Galicia durante a visita.
Castro destacou durante a visita que foron un total de 122 os concellos de menos de 10.000 habitantes que se beneficiaron o ano pasado desta liña de axudas para mellorar as infraestruturas turísticas, co obxectivo de contribuír a recuperar os recursos dos municipios e mellorar a súa accesibilidade e sinalización, ademais de avanzar na humanización de áreas coma estas que reciben un volume alto de visitantes para avanzar nun turismo accesible e sostible.

Actuacións subvencionables

Nava Castro animou ao concello de Dumbría a volver a presentarse a esta nova convocatoria de axudas que permiten levar adiante actuacións de sinalización, embelecemento, iluminación, accesibilidade ou recuperación e posta en valor de recursos turísticos con riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística como miradoiros, sendeiros, así como a adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes.
Castro destacou que esta liña de axudas enmárcase dentro do Plan Camiña co que o Goberno galego quere seguir traballando para a reactivación do turismo galego, a través do apoio ao sector turístico, ás entidades locais con esta convocatoria, ou a través da posta en marcha doutras accións e liñas de axuda que permitan seguir incrementando a calidade e a formación sector turístico galego, aproveitando o tirón da celebración do segundo Ano Santo.
 

Imaxes relacionadas