A Xunta solicita á Subdelegación do Goberno na Coruña medidas para evitar a incidencia nos horarios do transporte público das retencións provocadas polas obras de ‘Sol y Mar’

As obras que está a realizar o Ministerio de Transportes na intersección entre a AC-12 e a DP-5803 están a xerar retrasos puntuais e acumulados nos horarios do transporte público, motivando as queixas dos usuarios

Tamén a alcaldesa de Betanzos trasladou recentemente á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a súa preocupación polos retrasos dos autobuses, que teñen a súa causa nestas obras
 

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia vén de solicitarlle á Subdelegación do Goberno na provincia da Coruña que adopte medidas para evitar a incidencia que as retencións causadas polas obras do cruce de ‘Sol y Mar’ teñen nos horarios do transporte público interurbano.

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, dirixiuse por escrito á subdelegada do Goberno na provincia, María Rivas, para trasladarlle a preocupación do Goberno galego ante o impacto desa actuación nos usuarios dos autobuses.

Maestro concreta que, desde que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana iniciou as obras na intersección da AC-12 (antiga N-VI) coa DP-5803, coñecida como cruce de ‘Sol y Mar’, se veñen repetindo as retencións nos accesos á Coruña desde o leste e o sur. Tal e como indica, as maiores retencións prodúcense na entrada á cidade a primeira hora da mañá e na saída ao mediodía.

Os vehículos de transporte público veñen soportando retrasos debido a estas obras, que se acumulan e causan desvíos de ata media hora con respecto aos horarios programados, impactando moi negativamente nos usuarios. Así, os viaxeiros afrontan dificultades para acceder a tempo ao lugar de traballo, aos centros de ensino e mesmo ás citas médicas, ademais de verse obrigados a esperar durante un tempo prolongado nas paradas.

Segundo indica o director xeral, as compañías de autobuses e a Dirección Xeral de Mobilidade están a recibir queixas dos usuarios e, tamén, a alcaldesa de Betanzos trasladou recentemente a súa preocupación polos retrasos dos autobuses, que están motivados polas obras do cruce de ‘Sol y Mar’.

A pesar do esforzo realizado pola Administración autonómica e polas compañías de autobuses, poñendo servizos de reforzo, os problemas non desaparecen.

Por ese motivo, o director xeral de Mobilidade solicita á subdelegada do Goberno na provincia da Coruña que se habilite un corredor prioritario para o transporte público, cando menos, nas horas punta.

Doutra banda, a Federación Galega de Transporte de Viaxeiros, Transgacar, dirixiuse tamén á Delegación do Goberno para manifestar os problemas que as obras no cruce de ‘Sol y Mar’ están a provocar no funcionamento dos servizos regulares e demandar medidas correctoras.