A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, explicou hoxe no Parlamento os investimentos previstos polo Goberno galego para mellorar o sistema municipal de tratamento das augas residuais

A Xunta destaca o investimento de 10 M€ na mellora da rede de saneamento de Vilagarcía que, xunto coa ampliación da depuradora, reducirá o 97% dos vertidos do municipio á ría

Ethel Vázquez detalla que, en apoio ás competencias municipais de saneamento, a Xunta renovará os colectores da avenida Rodrigo de Mendoza, executará 2 tanques de tormenta, na contorna da praza e Fexdega, e novos colectores e impulsións

Salienta que a previsión é iniciar as obras a finais do verán, para atallar os problemas actuais de vertidos e inundacións e contribuír á mellora da calidade das augas e á produtividade dos bancos marisqueiros

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe no Parlamento o investimento da Xunta de preto de 10 M€ para mellora a rede de saneamento municipal de Vilagarcía de Arousa unha actuación que, xunto coa ampliación da depuradora proxectada, permitirá reducir o 97% dos vertidos do saneamento do municipio á ría.

Vázquez Mourelle concretou as actuacións que está a impulsar a Xunta para axudar ao Concello nas súas competencias municipais de saneamento e depuración, achegando solucións ao problema dos vertidos e das inundacións que sofren a vila e os seus veciños. Este apoio da Xunta ao Concello enmárcase no obxectivo estratéxico do Goberno galego de avanzar no saneamento integral da ría de Arousa e preservar o medio natural, o turismo, a pesca, o marisqueo e a saúde.

A conselleira detallou que a Xunta reserva 10 M€ de financiamento propio para mellorar o sistema municipal de saneamento e renovar toda a rede de colectores na avenida Rodrigo de Mendoza, instalando 2 tanques de tormenta e executando un novo treito de colector na avenida de Cambados.
Concretou que os tanques de tormenta se situarán na marxe esquerda do río Con: na contorna da Praza, cun volume de retención de 3.700 m³; e en Fexdega, cunha capacidade de 2.080 m³.

Tamén se renovarán os colectores da rúa García Caamaño, o colector na marxe dereita do río Con e o colector no cruce co río Con, ademais das impulsións correspondentes a cada un dos tanques de tormenta. Nesa rede que discorre paralela ao río, actuarase en distintos treitos, renovando as conducións ao longo de máis de 1 km de lonxitude; ademais doutros 1.000 metros de impulsións.

Ethel Vázquez referiu que estas actuacións teñen como fin acadar un sistema de saneamento renovado, eficiente e ben planificado para rematar cos problemas habituais de vertidos e inundacións. As obras licitáronse a comezos de febreiro por 9,8 M€, estando aberto nestes momentos o prazo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas ata o día 11 de marzo. A intervención conta co cofinanciamento de fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014- 2020.

Precisou que o obxectivo da Xunta é iniciar os traballos a finais do verán. As obras teñen un prazo de execución de 24 meses e permitirán acadar unha mellora substancial no sistema de saneamento municipal, atallando os problemas actuais e mellorando o estado dos bancos marisqueiros e a súa produtividade.

Precisamente na liña de compromiso da Xunta cos municipios, e máis concretamente o seu apoio ao Concello de Vilagarcía de Arousa, enmárcanse as obras de mellora ampliación da depuradora municipal. Trátase dunha actuación complexa, cunha tramitación complexa pola necesidade de modificar o PXOM e de xestionar os terreos, na que a Xunta prevé un investimento de máis de 23 M€.

Por último, Ethel Vázquez fixo fincapé tamén no traballo da Xunta para reforzar o apoio aos concellos nas súas responsabilidades de saneamento, abastecemento e depuración, a través da tramitación da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que se prevé elevar ao Parlamento neste 1º trimestre.

Esta Lei permitiralle ao Concello de Vilagarcía, se así o quere, encomendarlle á Xunta a xestión das infraestruturas que se van a executar. Isto sen que supoña pagar un euro máis das actuais tarifas que a entidade local recada entre os veciños e permitindo ao Concello ter unha xestión profesionalizada da auga, esquecerse dos problemas que supón a explotación destas infraestruturas e garantindo a prestación dun bo servizo aos veciños.

Imaxes relacionadas