A Xunta incluirá o desenvolvemento do Plan de Saúde Mental nos obxectivos dos acordos de xestión das áreas sanitarias para este ano

No 2022, completarase a extensión das unidades de prevención do suicidio nas sete áreas, e revisarase o seu protocolo de detección no eido educativo

O Goberno galego incrementou dende 2020 en máis dun 30% o orzamento para prazas concertadas de pacientes de saúde mental en unidades de apoio comunitario

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022

“Nos Acordos de Xestión que o Servizo Galego de Saúde vai asinar no mes de marzo coas sete áreas sanitarias vanse recoller os indicadores e obxectivos de cumprimento do Plan de Saúde Mental”. Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento de Galicia, en resposta a unha pregunta dun dos grupos da Cámara, referida aos novos programas postas en marcha pola Xunta no pasado ano en desenvolvemento do Plan de Saúde Mental de Galicia. En consecuencia, “este Plan vai estar no documento de control da xestión do sistema sanitario galego, o que é o mellor exemplo da prioridade que ten este Plan para este Goberno”, -remarcou o conselleiro-.
Destacou, así mesmo, García Comesaña, a atención especial posta pola Xunta en materia de prevención do suicidio, pasando en 2021 dunha única unidade, en Ourense, que foi pioneira, a ter seis, e, neste ano, “culminaremos a extensión deste modelo ás sete áreas sanitarias, con atención multidisciplinar e vías rápidas. Ademais, a vindeira semana actualizaremos o protocolo para a prevención do suicidio no eido educativo”.
O titular da carteira sanitaria remarcou, no que se refire aos programas postos en marcha nesta materia, os dos hospitais de día infanto xuvenís de Vigo, Santiago e Ourense; de creación de cinco novas unidades ambulatorias (tres de adultos en Ordes, Oleiros e Tui, e dúas infanto xuvenís na Coruña e Vigo), e o da nova unidade de psicoxeriatría en Ourense.
Xunto ao anterior, ampliouse o persoal de hospitalización a domicilio de saúde mental en Santiago, Pontevedra e Ourense, o que implica maior cobertura territorial e horaria. Ademais, hai reforzos en todas as áreas nos programas sociosanitarios de saúde mental que dá servizo ás residencias de maiores, e hai psicólogos clínicos de enlace en atención primaria, un novo programa que ten como obxectivo mellorar a coordinacion entre primaria e saúde mental, permitindo a abordaxe precoz de trastornos mentais prevalentes neste ámbito.
Tamén hai en todas as áreas sanitarias psicólogos de enlace de atención hospitalaria, dos que o conselleiro destacou o seu labor no desenvolvemento do Plan de apoio psicosocial aos profesionais no marco do programa Coidate para coidar.

Incremento orzamentario

O titular da carteira sanitaria destacou, igualmente, o incremento orzamentario no apartado de persoal. Así, as 163 prazas creadas en 2020, 2021 e 2022 supoñen un investimento de 7,7 millóns de euros máis en persoal de saúde mental do que existía no 2019. Un orzamento que non só se consolidará senón que vaise incrementar ano a ano, -dixo o conselleiro-, ata chegar a un importe final no 2024 de 11 millóns.
Tamén remarcou o incremento orzamentario no que se refire á colaboración coas entidades de tecido asociativo sociosanitario, tanto en novas prazas como nas convocatorias de axudas. Ao respecto, neste ano a Xunta destina 8,1 millóns, un 30% máis que no 2020, sendo o obxectivo do Goberno galego chegar no 2024 aos 9,5 millóns anuais (un 55% máis), o que suporá acadar as 320 prazas máis, logrando superar as 1.500.
No que atinxe ás axudas para o financiamento de entidades sociais relacionadas cos pacientes con trastornos mentais, este plan supuxo que, no 2020, se convocase a primeira orde de axudas específicas neste eido que contou con 420.000 euros de inicio. No pasado ano, esta convocatoria superou os 800.000 euros e incorporou por primeira vez unha liña diferenciada para programas de prevención do suicidio. A convocatoria deste ano, que sairá no mes de marzo, superará os 800.000 euros co cal, ao igual que o pasado ano, superaranse os 40 programas subvencionados con estas axudas.
Tamén sinalou o conselleiro o orzamento en materia de infraestruturas. Así, no presente ano, inclúense 500.000 euros para iniciar as actuacións de remodelación no Hospital Psiquiátrico de Conxo, na liña que se foi definindo xunto do Defensor do Pobo. Igualmente destacou que, dentro da partida de actuacións do Hospital Álvaro Cunqueiro, unha parte importante vai ir destinada a habilitar a nova unidade de hospitalización psiquiátrica infanto- xuvenil de agudos, que será a segunda de Galicia e referencia para toda a zona sur. A Xunta xa recibiu o proxecto básico, e unha vez supervisado e efectuado o proxecto de execución, licitarase a obra que vai ter un investimento de preto dun millón de euros, -concluiu-.