A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade respondeu a unha pregunta no Pleno do Parlamento en relación ao expediente de caducidade desta concesión hidroeléctrica

A Xunta dará trámite de audiencia a todos os interesados antes de resolver a concesión de Ponte do Inferno, no río Verdugo, de acordo á normativa e atendendo ao interese xeral

Ethel Vázquez remarca que a Xunta, cumprindo as súas obrigas e seguindo escrupulosamente a lei, está a analizar polo miúdo todas as circunstancias xurídicas, hidráulicas e ambientais para adoptar a decisión máis acaída

Subliña que o Goberno galego analizará caso a caso cada concesión para tomar decisións atendendo á rendibilidade social, patrimonial e natural

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe no Parlamento que a Xunta dará trámite de audiencia a todos os interesados, analizará as achegas trasladadas e resolverá a concesión de Ponte do Inferno, no río Verdugo, de acordo á normativa vixente e atendendo ao interese xeral.

Nunha resposta no Pleno do Parlamento, a titular de Infraestruturas explicou que o Goberno galego está a ultimar o informe técnico sobre a explotación desta concesión, tendo presentes as peculiaridades do salto, as características da masa de auga e a repercusión ambiental das súas instalacións.

Atendendo estes criterios e as achegas formuladas tras o trámite de audiencia, Augas de Galicia elaborará o informe de valoración sobre o que se fundamentará a decisión final sobre esta concesión. Deste xeito, cumprindo coas súas obrigas e seguindo escrupulosamente a Lei, a Xunta tomará a decisión que resulte máis acaída sobre o salto do río Verdugo, primando sempre o interese xeral.
Ethel Vázquez explicou que este será o procedemento que se seguirá en todos e cada un dos aproveitamentos hidroeléctricos que finalicen o seu prazo concesional na conca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, de responsabilidade da Xunta, tendo en conta que non se pode falar de solucións xerais, senón que é necesario estudar caso a caso as peculiaridades de cada concesión para ofrecer, dixo, “a mellor solución”. Unha solución, remarcou, que sempre primará o interese xeral e que se adoptará atendendo á rendibilidade social, patrimonial e natural e seguindo estritamente o cumprimento da normativa en materia de augas, isto é: a Lei de Augas, o Regulamento de Dominio Público Hidráulico e o Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta lembrou, que cando este procedemento -que está regulado- conclúa, se dará conta da resolución adoptada, pero nunca antes, para non saltar os pasos que marca a normativa legal.

Ademais do salto de Ponte Inferno, no río Verdugo, o Goberno galego está a tramitar os expedientes por fin de prazo de concesión dos saltos de Güimil, no río Lambre; o de Fervenzas, no río Vexo; e o de La Castellana, no río Mandeo.

Na súa intervención, Ethel Vázquez explicou que, de concluírse que non é viable a continuación da explotación hidroeléctrica, pode requirirse á concesionaria a reposición ao estado inicial da zona de afección do aproveitamento hidroeléctrico.

Ethel Vázquez remarcou que na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa están situados unha mínima parte dos aproveitamentos hidroeléctricos existentes nos ríos a comunidade, xa que o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través hidrográficas do Miño-Sil, do Cantábrico e do Douro, asume a xestión das bacías que concentran os saltos hidroeléctricos de maior envergadura en Galicia.

Referiuse, en especial, á conca do Miño-Sil, no que o pasado verán se levaron a cabo baleirados polos que a Xunta emitiu diversas propostas de sanción, tanto contra as concesionarias como contra a propia Confederación do Miño-Sil.

Imaxes relacionadas