O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe a entidade

A Xunta sinala que Radio Ecca consegue a inclusión sociolaboral de centos de persoas na cidade de Vigo

O Goberno galego destina 270.000 euros a esta asociación a través da orde de axuda a entidades e da orde con cargo ao 0,7% do IRPF

Vigo, 23 de febreiro de 2022

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou esta mañá as instalacións de Radio Ecca na cidade olívica, onde destacou que esta entidade consegue a inclusión sociolaboral de centos de persoas a través dos seus programas de formación en competencias básicas, competencias dixitais ou aprendizaxe de idiomas.

O Goberno galego destina preto de 270.000 euros a Radio Ecca tanto a través da orde de axudas a entidades como da orde con cargo á casilla social do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). Con esta contía a organización pon en marcha itinerarios personalizados de inserción sociolaboral, formación adaptada e asesoramento a centos de persoas da cidade de Vigo e tamén de Ourense e A Coruña.

O director xeral destacou o seu papel por levar desde o ano 2014 contribuíndo a loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación en Galicia. Neste sentido, apuntou que o acceso a unha formación básica debe estar garantido para todas as persoas, independentemente da súa situación.

Imaxes relacionadas