O presidente da Xunta respondeu hoxe ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara

Feijóo propón un pacto polo aproveitamento dos recursos naturais da comunidade que busque a autonomía enerxética de Galicia e o equilibrio ambiental

Afirma que a Xunta seguirá apostando por unha planificación ordenada e previsible
 

Santiago de Compostela, 23 febreiro de 2022.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, propuxo hoxe, no Pleno da Cámara, un pacto polo aproveitamento dos recursos naturais da Comunidade que busque, asegurou, a autonomía enerxética de Galicia e o equilibrio ambiental.

“Se queren un pacto por unha política enerxética na Comunidade que busque autonomía enerxética e o equilibrio climático, teñen a man tendida deste Goberno”, precisou, en resposta á pregunta do Grupo Parlamentario dos socialistas.

Nesta liña, afirmou que o Executivo galego seguirá apostando por unha planificación ordenada. “O noso modelo eólico é previsible: legalidade, ingresos na Comunidade, impostos en Galicia e moratoria durante un ano e medio, para non seguir enchendo de incongruencias e tensións o territorio e parar a tramitación dos parques eólicos sen control do Ministerio para a Transición Ecolóxica”, explicou, recordando que a Comunidade puxo en marcha unha nova limitación na distancia dos aeroxeradores e conta co 77,5% do territorio protexido.

Pola contra, lamentou que o modelo do Partido Socialista se basee en poñer na rúa a 16.000 traballadores, referíndose, entre outras cuestións, ao peche das cubas de Alcoa, á situación de continuidade de Ence ou ao peche das centrais de ciclo combinado das Pontes e de Meirama, así como de Alu Ibérica.

Ante este panorama, o presidente da Xunta concluíu facendo fincapé en que o Goberno galego seguirá poñendo en valor un dos sectores claves da enerxía para a Comunidade. Un sector que, en 2020, xerou 7.000 empregos directos e indirectos e achegou máis de 580 millóns de euros ao PIB galego; ademais de recadar máis de 130 millóns de euros anuais en impostos, tributos e rendas para os propietarios dos terreos –máis de 23 millóns polo canon eólico-. “E aspiramos a que estas cifras sexan aínda mellores”, abundou.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta