Vigo Porté regresa baixo o paraugas do Xacobeo 21-22 no 10º aniversario do Trofeo de Baile Internacional

A delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, e a directora do certame, Lorena López, presentaron hoxe o lanzamento da décima edición na escola Unidance

As escolas participantes competirán polo II Trofeo de Baile Internacional Vigo Xacobeo 21-22 entre o 29 de abril e o 1 de maio no Auditorio Mar de Vigo

Vigo, 22 de febreiro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou hoxe xunto a directora do Vigo Porté, Lorena López, o acto de lanzamento da décima edición do Trofeo de Danza Internacional que terá lugar entre o 29 de abril e o 1 de maio na cidade e por segundo ano consecutivo baixo o paraugas do Xacobeo 21-22.

Tal e como avanzara a representante autonómica na edición do pasado ano, o apoio do Goberno galego ía ser decisivo para esta celebración no 202, e así o confirmou Lorena López na súa intervención, na que agradeceu nomeadamente a Fernández-Tapias o seu “compromiso incondicional” con este certame. Pola súa banda, a delegada territorial sinalou que “era un esforzo necesario para garantir que o trofeo se quedará na súa casa”, en clara referencia á cidade de Vigo.

Fernández-Tapias recoñeceu que o tivo claro desde o primeiro momento e “Vigo non podía ceder a súa condición como capital internacional da danza por falta de apoio institucional”. Defendeu así que se trata dun dos eventos de baile de maior relevancia a nivel europeo “e non podíamos permitirnos perdelo”.

Tras referendar o compromiso do Executivo autonómico con este II Trofeo de Baile Internacional Vigo Xacobeo 21-22 no que competirán as mellores escolas de danza a nivel local, nacional e internacional, celebrou que pronto o Auditorio Mar de Vigo volverá a encherse de bailaríns de todas partes do mundo.

Moi agradecida coa Xunta de Galicia, Lorena López, quen desculpou a ausencia de Javier Castillo “Poty” que volverá a exercer de presentador e liderar aos membros do xurado, avanzou que están preparando “moitas sorpresas” para conmemorar este décimo aniversario. “Dez anos de baile e moitas emocións que queremos celebrar por todo o alto e que non vai deixar indiferente a ninguén”, sinalou.

Nesta mesma liña, Fernández-Tapias felicitou “a grande familia” do Vigo Porté por estes 10 anos ao fronte da organización dun certame que “se gañou a pulso ser unha referencia, pola súa proxección internacional, pola súa calidade artística e pola profesionalidade dos seus participantes e xurado”.

O acto de presentación tivo lugar la Escola Unidance, un dos centros de danza vigueses que non falla a súa cita co Vigo Porté, e contou coa presenza da súa directora, Alejandra Teixeira.

Imaxes relacionadas