A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá no municipio de Neda unha das vivendas que recibiu esta subvención en 2021

A Xunta anima aos galegos a optar a axudas de ata 15.000 € para mercar vivenda nun centro histórico

Ángeles Vázquez subliña que os veciños dos municipios de Ferrol, Neda, Mugardos e Pontedeume poden acollerse a este programa ata o vindeiro 30 de setembro

Lembra que tamén está aberto o prazo para pedir subvencións de ata 25.000 € para rehabilitar inmobles na ARI Camiños de Santiago, que inclúe 6 concellos da comarca
 

Neda (A Coruña), 22 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia anima aos cidadáns a solicitar ata o 30 de setembro as axudas para adquisición de vivenda nalgún dos case medio cento de centros históricos declarados na Comunidade, un programa que prevé subvencións de ata 15.000 euros para incentivar a compra de inmobles nestes ámbitos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá unha casa en Neda cuxa propietaria, Susana González, de 31 anos, recibiu unha subvención ao abeiro da convocatoria do ano pasado.

Neste sentido, a responsable autonómica indicou que este programa está xa totalmente consolidado na Comunidade, como demostra o feito de que o ano pasado esgotou o crédito dispoñible a través da concesión dun total de 65 axudas, 14 delas para a adquisición de vivendas en centros históricos da comarca ferrolá.

Por iso, e tras lembrar que a actual convocatoria está dotada dun orzamento de 500.000 euros, a conselleira animou particularmente aos veciños de Neda, Ferrol, Mugardos e Pontedeume —os catro municipios da comarca con, polo menos, un centro histórico declarado— a aproveitar estes incentivos para adquirir a súa vivenda habitual.

Pola súa parte, Susana González salientou a rapidez do proceso de solicitude, tramitación e concesión da subvención. “Animo á xente a interesarse por estas axudas e a seguir vivindo nas súas vilas, sobre todo á xente moza”, dixo a propietaria da vivenda, que recoñeceu que na súa decisión tamén pesou “o espazo aberto” co que conta o inmoble, un factor “que se aprecia moito máis” despois da covid.

Axudas na ARI Camiños de Santiago

Así mesmo, a conselleira aproveitou a súa visita a Neda para lembrar que este é un dos seis municipios da comarca —xunto a Cabanas, Fene, Ferrol, Narón e Pontedeume— nos que os propietarios de vivendas e edificios localizados dentro da Área de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago poden solicitar axudas de ata 25.000 euros para financiar obras de restauración e mellora da eficiencia enerxética nos seus inmobles.

Así, lembrou que a convocatoria deste ano está dotada dun orzamento de case 730.000 euros e que os particulares interesados aínda poden presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 30 de setembro.

Por último, ademais da axuda para compra de vivenda outorgada polo seu departamento a Susana González, a conselleira explicou tamén que outras dúas familias do concello de Neda —así como outras dúas de Cabanas e unha comunidade de propietarios de Ferrol— se beneficiaron dunha subvención para rehabilitar o seu inmoble ao abeiro das convocatorias de 2020 e de 2021 do programa da ARI dos Camiños de Santiago.

 

Imaxes relacionadas