A Xunta activa a casa do maior das Goletas, en Caldas de Reis, para atender os maiores da zona cun investimento de 55.000€ en tres anos

O delegado territorial, Luis López, acompañado polo alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, visita esta nova instalación, emprazada en Saiar e rexentada por Ana María Cancelo, para desenvolver programas de autonomía e lecer para maiores de 60 anos de luns a venres de 9.00 a 17.00 horas

A Consellería de Política Social vén de despregar nove casas do maior máis no norte da provincia de Pontevedra, todas elas de acceso gratuíto, nos municipios de Vilanova de Arousa, Moraña, Agolada, Vila de Cruces, Dozón e esta de Caldas de Reis

“Xa dispoñemos de 83 servizos destas características en toda Galicia e imos crear 30 máis este mesmo ano coa nova convocatoria, aberta ata o 11 de marzo, o que suporá 150 novas prazas en concellos que non teñan centro de día”, explicou o representante autonómico
 

Caldas de Reis, 22 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, vén de activar a casa do maior As Goletas, no Concello de Caldas de Reis, para ofrecer un recurso de conciliación ás familias con persoas maiores da zona grazas a un investimento de 55.000 euros para acondicionamento do local e desenvolvemento das actividades durante un período de tres anos.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, visitou esta mañá esta nova instalación, emprazada na parroquia de Saiar e rexentada por Ana María Cancelo, co obxectivo de coñecer o local, cedido pola comunidade de montes, e o programa de actividades, que se desenvolverá de luns a venres cun máximo de oito horas diarias entre as 9.00 e as 17.00 horas.

“Xa dispoñemos de 83 servizos destas características en toda Galicia grazas ao desenvolvemento da convocatoria de 2021, que deu como froito unha instalación tan magnífica como esta de Caldas para ofrecer unha atención personalizada e fundamental para a xente maior de 60 anos deste municipio no eido da recuperación e mantemento da autonomía persoal ou do lecer favorecendo as relacións sociais e a vitalidade”, detallou o representante autonómico, que concretou que esta casa do maior recibirá 19.600 euros anuais da Xunta en 2022 e 2023 para o seu funcionamento.

O centro das Goletas ten aberta a súa inscrición, que será xestionada polo departamento de Servizos Sociais do Concello de Caldas de Reis, e atenderá a un máximo de cinco persoas por xornada no citado horario. Cómpre sinalar que, como en todas as casas do maior de Galicia, tanto a estancia e as actividades como o servizo de transporte, en caso de que se ofreza, serán completamente gratuítas para os usuarios e pagarase unha taxa de 5 euros diarios para os que requiran o servizo de comedor.

O delegado territorial explicou que a Consellería de Política Social pretende fomentar este ano “a creación de 30 casas do maior máis ata superar as 110 ao abeiro da nova convocatoria, que está aberta ata o día 11 de marzo e que suporá o incremento de 150 novas prazas para atención personalizada dos nosos maiores naqueles municipios que non dispoñan dun centro de día”. Esta nova orde de axudas, que ten un orzamento de 2,9 millóns de euros, recolle como principal novidade o aumento en 5.000 euros das axudas anuais aos centros abertos no ano 2019.

Deste xeito, a Consellería de Política Social vén de despregar nove casas do maior máis no norte da provincia na derradeira convocatoria, xa que, a esta de Caldas de Reis, engádense as aperturas en Vilanova de Arousa (4), Moraña, Agolada, Vila de Cruces e Dozón.
 

Imaxes relacionadas