A Xunta impulsa programas de coidado sociosanitario na estrada a través de Apacaf para atender a 33 persoas con TEA

O delegado territorial, Luis López, e a xerente da área sanitaria de Santiago e O Barbanza, Eloína Núñez, acompañados polo alcalde da Estrada, José López, visitaron esta mañá as instalacións da entidade na Braña, onde se desenvolveron estas actividades grazas a unha achega de máis de 11.000€ do Sergas

O Goberno galego vai resolver nas vindeiras semanas a convocatoria 2022 desta orde de axudas para atención sociosanitaria a cargo das entidades sen ánimo de lucro, que este ano incrementou o orzamento nun 40% ata alcanzar os 250.000€

Apacaf dispón dun servizo de residencia con 17 prazas para persoas con Trastorno do Espectro Autista neste centro da parroquia de Berres e este ano volverá a recibir 336.000€ para o seu financiamento global pola Consellería de Política Social
 

A Estrada, 22 de febreiro de 2022.- A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas), está a impulsar programas de coidado sociosanitario no Concello da Estrada a través da Asociación de Pais de Persoas con Trastornos de Espectro Autista de Centros de Apoio Familiar (Apacaf) para atender a 33 persoas con TEA.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola xerente da área sanitaria de Santiago e O Barbanza, Eloína Núñez, e do alcalde da Estrada, José López, visitou esta mañá as instalacións desta entidade na Braña para coñecer o funcionamento do programa e informar de que a orde de axudas para o desenvolvemento destas iniciativas por parte das entidades sen ánimo de lucro correspondente ao presente ano se resolverá nas vindeiras semanas.

“É fundamental que a atención de certas patoloxías dispoña dun labor de apoio social que vaia máis alá dos centros sanitarios, polo que dende a Xunta queremos seguir colaborando co potente tecido asociativo que hai en Galicia neste eido, xa que contribúe moito a mellorar a calidade de vida, a integración e a inclusión destas persoas, tal e como está a facer Apacaf na Estrada e Moraña”, sinalou o representante autonómico.

A convocatoria dos programas de atención sociosanitaria para asociacións, realizada pola Consellería de Sanidade, incrementou o seu orzamento para este ano nun 40% ata alcanzar os 250.000 euros, co que se pretende aumentar a cifra de 18 entidades beneficiarias que os desenvolveron o pasado exercicio. Ademais, tamén medra a contía máxima das achegas, que pasa de 12.000 a 16.000 euros.

Ao abeiro desta liña de axudas, poderán impulsarse accións de apoio psicolóxico, estimulación cognitiva, integración sensorial, rehabilitación de fisioterapia para pacientes con TEA e tratamentos para persoas con trastornos de conduta alimentaria, enfermidades raras, alzhéimer, ELA, enfermidades neurodexenerativas e parálise cerebral ou dano cerebral adquirido.

Programa cognitivo no rural

A asociación Apacaf, que dispón de senllos centros en Berres (A Estrada) e A Penagrande (Moraña), desenvolveu durante o pasado exercicio unha nova edición do programa de rehabilitación cognitiva no rural para persoas con autismo, en marcha dende o ano 2019, grazas a unha achega de máis de 11.000 euros ao abeiro desta orde.

A entidade atendeu a 33 persoas con TEA durante 43 semanas, a razón de seis xornadas por semana, ata alcanzar as 1.032 horas de actividades centradas na capacidade educativa, as habilidades cognitivas, a mellora da súa autonomía, o fomento da comunicación e da interacción social, o reforzo da capacidade simbólica e da conduta imaxinativa, a ampliación de intereses e actividades e o aumento da calidade de vida.

4,3 millóns en 14 anos

Por outra banda, a Consellería de Política Social vén de confirmar a concesión, para este ano, dunha nova partida, de 336.000 euros, para o financiamento íntegro e global das 17 prazas en servizo de residencia que ofrece Apacaf para persoas con TEA no seu centro da Braña, emprazado na parroquia estradense de Berres.

A entidade que preside María José Ferradáns creou esta residencia en 2005, doce anos despois da súa constitución, e nos últimos 14 exercicios recibíu 4,3 millóns de euros da Xunta de Galicia en réxime de concerto destas prazas para que poidan atender diariamente e mellorar a calidade de vida de case unha vintena de persoas con TEA e das súas familias a través de servizos especializados.

“O traballo de inclusión e integración de Apacaf a prol das persoas con autismo e das súas familias é digno de eloxio e moi sacrificado e por iso é unha satisfacción anunciar que este ano poderá seguir sostendo a súa residencia co apoio económico da Xunta e desenvolvendo outras actividades coas axudas do 0,7% do IRPF”, explicou o delegado territorial. Apacaf, xunto con outras entidades vencelladas ao TEA, recibíu o pasado ano 140.000 euros para diversos programas e 18.500 euros para a adquisición dun vehículo.

Imaxes relacionadas