Fernández-Tapias anuncia para este verán o remate da rehabilitación de Subida ao Castelo 9, tras unha inversión de preto de 288.000 euros

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada territorial da Xunta visitou hoxe xunto ao arquitecto da obra o inmoble do que se obterán dúas novas vivendas

Os traballos consisten nunha rehabilitación integral, que se suma ás anteriores realizadas nos número 5-7 e 12 desta mesma rúa, na zona alta do barrio histórico

Recorda que o Goberno galego investiu máis de 29 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito, permitindo ata o de agora a adquisición de 83 edificios e a posta no mercado de 117 vivendas de protección autonómica (VPA)
 

Vigo, 22 de febreiro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo, Marta Fernández-Tapias, comprobou hoxe o avance das obras en Subida ao Castelo 9, que estarán rematadas este verán. Trátase dunha das promocións que ten en marcha o organismo rehabilitador e que se suma ás anteriores realizadas nesta rúa, nos número 5-7 e 12.

Acompañada polo arquitecto da obra, Pablo Menéndez (MAM Arquitectura), destacou o valioso traballo de recuperación edificatoria e patrimonial que está a realizar o Consorcio do Casco Vello, organismo participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello de Vigo, facilitando cos seus investimentos o acceso a unha vivenda a decenas de familias e a revitalización da zona histórica.

Segundo detallou, trátase dun edificio construído fai máis de cen anos sobre un solar de 90 metros cadrados que se atopaba en estado ruinoso, polo que se está a acometer unha rehabilitación integral. A intervención, a cargo da empresa Comidiseño Reformas de Locales y Viviendas S.L, conta cun orzamento de preto de 288.000 euros e permitirá incorporar dúas novas vivendas, tipo triplex, á zona alta do Casco Vello.
Abundou así na necesidade de concluír intervencións aínda en marcha na zona alta do casco vello vigués ao tempo no que se incrementa a actuación pública na zona baixa, especialmente na contorna da Praza do Berbés e Poboadores, na que por distintas circunstancias a promoción privada atopa dificultades para acometer inversións.

Fixo así referencia ao terceiro inmoble destinado a vivenda no que se intervirá na Ribeira do Berbés, concretamente do número 39. Foi a última operación pechada no 2021 coa que, en palabras da representante autonómica, “seguimos a recuperar a fachada marítima, tras a rehabilitación dos número 29 e 31, a construción do albergue público de peregrinos e a sede da Universidade de Vigo”.

“Seguimos apostando por cumprir cos obxectivos marcados xa que, aínda que se avanzou moito na reconstrución do casco vello, queda moito por facer”, dixo, en clara referencia ao ambicioso plan de actuación dos vindeiros catro anos que contempla a compra de 25 novas edificacións.

Neste sentido, recordou que desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 29 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito permitindo a adquisición de 83 edificios e a posta no mercado de 117 vivendas de protección autonómica (VPA
 

Imaxes relacionadas