A Xunta dá luz verde ao proxecto de Cortizo para a implantación dun Campus Tecnolóxico

O Goberno galego aprobou definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e declarou a súa utilidade pública, polo que a partir da aprobación do proxecto de urbanización o prazo de execución será de dous anos

Trátase dunha das oito iniciativas empresariais prioritarias declaradas pola Xunta e suporá un investimento de 40M€, así como a creación de 400 postos de traballo

O Campus Tecnolóxico instalarase nunha parcela situada entre os concellos de Padrón e Rois e pretende converterse nun centro punteiro no sector do deseño de sistemas de aluminio e PVC

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia vén de aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Campus Tecnolóxico de Cortizo, así como a declaración de utilidade pública desta iniciativa que se implantará nunha parcela situada entre os municipios de Padrón e Rois.

Declarada iniciativa empresarial prioritaria polo Goberno galego, o proxecto suporá un investimento aproximado de 40M€ e a creación de 400 postos de traballo tanto directos como indirectos. O obxectivo é crear un centro punteiro no sector do deseño de sistemas de aluminio e PVC que disporá dun conxunto de tres edificios dedicados á investigación e desenvolvemento. Este centro permitirá adquirir novos coñecementos nos produtos do alumino necesarios para o crecemento internacional da empresa e complementar a cadea de valor de moitas empresas de sectores económicos estratéxicos de Galicia. Con esta actuación, Cortizo ampliará en máis dun 30% as instalacións que a empresa ten localizadas nun polígono próximo.

Este proxecto é unha das oito iniciativas empresariais prioritarias que o Goberno galego aprobou ata o momento e que aspiran a mobilizar investimentos totais de 130M€. Polo tanto, esta figura busca potenciar novas oportunidades empresariais e laborais en Galicia con máis simplificación administrativa; máis incentivos fiscais ás empresas; e máis facilidades para acceder ao solo empresarial.