A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou na Coruña na inauguración dunha xornada sobre o Plan de Vivenda 2022-2025, organizada pola Asociación Provincial de Promotores Inmobiliarios da Coruña (Aproinco)

O esforzo inversor da Xunta tradúcese na proxección de máis de 1.000 vivendas protexidas na provincia da Coruña

Ángeles Vázquez lembra que, ademais de construír vivenda pública, o IGVS lanzará un novo concurso de solo residencial

Invita os promotores privados a impulsar iniciativas no ámbito residencial protexido, para o que contarán cunha liña de incentivos específica por un importe de máis de 8 millóns de euros

A Coruña, 22 de febreiro de 2022

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que o esforzo inversor e de planificación da Xunta tradúcese na proxección de máis de 1.000 vivendas protexidas na provincia coruñesa, principalmente nas cidades.

Vázquez Mejuto participou esta mañá na inauguración dunha xornada dedicada a analizar o novo Plan de Vivenda 2022-2025, organizada pola Asociación Provincial de Promotores Inmobiliarios da Coruña (Aproinco), onde destacou que o obxectivo do Goberno é mobilizar todos programas e iniciativas que recolle o plan, para axudar aos galegos a construír o seu propio fogar ou mellorar a súa vivenda habitual.

A conselleira afirmou que o compromiso do Goberno galego para ofrecer vivenda pública se visualiza na cidade da Coruña, no barrio de Xuxán, onde a Xunta inviste 12,5 millóns de euros, para a materialización de 80 vivendas públicas (40 xa en construción e outras 40 das que xa se licitou o proxecto construtivo, que se prevé adxudicar antes do verán); ou nos barrios de Lamas de Abade e Castiñeiriño, en Santiago de Compostela, onde se prevé a construción de 60 vivendas grazas a un investimento de máis de 9 millóns de euros.

Segundo explicou a conselleira, o impulso á construción de nova vivenda tamén se formalizará grazas a un novo concurso de solo residencial para toda Galicia. Na actualidade, o IGVS está a traballar nos expedientes para poder convocalo antes do verán e dispoñer de parcelas na provincia nas que se poderán construír preto de 700 vivendas.

Estes futuros desenvolvementos sumaranse aos que xa están en marcha -ao abeiro do anterior concurso- concretamente no barrio de Xuxán, onde se adxudicaron tres parcelas para construír 196 vivendas, así como ao programa Rexurbe, que está implantado na Coruña, Ferrol e Betanzos.

A conselleira agradeceu a invitación a encontros como o inaugurado esta mañá, porque son un foro profesional e técnico onde poñer de manifesto a importancia que terá o ano 2022 para as políticas de vivenda.

Vázquez Mejuto apostou pola coordinación nun momento delicado para o sector, por mor da Lei estatal de vivenda que -ademais de ser inconstitucional- pode frear a actividade. “Non só o afirma a Xunta”, senón que “é unha cuestión que vén de poñer de manifesto a Comisión Galega da Competencia”, que a considera ineficiente e que advirte que a limitación de prezos do alugueiro provocará o efecto contrario , o incremento.

Salientou que as portas do Goberno galego -e dos departamentos en materia de vivenda- están abertas para entre todos afrontar un reto importante, como é sacar o máximo partido ao maior orzamento dedicado a esta materia na última década, co que acadar unha recuperación económica e social, tras dous anos de pandemia.

Nese sentido, invitou os presentes a aproveitar ao máximo os fondos europeos e os autonómicos, para mellorar e modernizar o parque de vivendas de Galicia. Concretamente, referiuse á liña de axudas dirixida aos promotores inmobiliarios, que se convocará no primeiro trimestre do ano, e que reserva unha contía de máis de 8 millóns de euros eles, que poderán acceder a axudas de ata 700 euros/m2, ata un máximo de 50.000 euros por vivenda de alugueiro social en edificios enerxéticamente eficientes.

Na xornada interveu a continuación o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, que ofreceu unha charla baixo o título Marco actual das políticas públicas de vivenda e detallou a trintena de axudas que a Xunta ten previsto convocar este ano.

Imaxes relacionadas