A Xunta achega preto dun millón de euros aos concellos da Mariña para mellorar camiños de acceso a parcelas agrícolas

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou unha das últimas actuacións executadas en Mondoñedo, que conta con 62.100 euros da convocatoria anterior para acondicionar accesos nos núcleos de Seivane, Rúa Travesa e Ferrería

Arias explica que o Plan Marco chega a todos os municipios co obxectivo de facilitar a mobilidade nas áreas rurais

Ata o 25 de febreiro está aberto o prazo para que os concellos soliciten as axudas do período 2022-2023
 

Mondoñedo (Lugo), 21 de febreiro de 2022

A Consellería do Medio Rural achega preto dun millóns de euros (913.878,00 €) aos concellos da Mariña a través do Plan Marco 2022-2023, que contempla axudas para mellorar os camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, comprobou hoxe unha das últimas actuacións executadas en Mondoñedo, que conta con 62.113 euros con cargo a Plan Marco 2021-2022 para acondicionar accesos nos núcleos de Seivane, na parroquia dos Remedios; Rúa Travesa, da parroquia de Lindín; e Ferrería, en Santa María.

Arias explicou que o obxecto deste programa é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento das vías de comunicación en áreas rurais, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Porén, quedan excluídas as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.

O orzamento asignado ao conxunto da provincia de Lugo ascende a 1,1 millóns de euros para esta anualidade e 3,5 millóns para 2023. Arias salientou que o financiamento chega a todos os concellos, co fin de facilitar o acceso ás entidades de poboación asentadas no rural e mellorar as infraestruturas que constitúen as canles de entrada e saída das producións agrarias.

Criterios de distribución

Para chegar a cada un dos concellos da comunidade, establecéronse unha serie de criterios de distribución das asignacións económicas que foron previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Estes criterios determináronse con base en indicadores obxectivos, a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa entre a totalidade de concellos.

A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie do concello, ao peso do agro no municipio e ao grao de despoboamento e de envellecemento. Ademais, prevese un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural pola que se convocan as axudas e as contías asignadas a cada municipio. Os concellos teñen de prazo para solicitalas ata o 25 de febreiro.
 

Imaxes relacionadas