A Xunta adxudica obras de mellora da rede de saneamento da estación de bombeo de augas residuais de Carracido, no concello de Valga

Os traballos, que suporán un investimento autonómico de preto de 50.000 euros, contan cun prazo de execución de 3 meses

Trátase de aplicar as medidas correctoras a través da reparación dos puntos de infiltración de augas brancas nas conducións actuais destinadas ao saneamento, co obxectivo de reducir os problemas de exceso de caudal que recibe a depuradora

Rehabilitaranse os pozos de rexistro no entorno dos núcleos de Vilar, de Vilarello e de Carracido, así como nas Eiras-Moldes e en Laxes-A Torre
 

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou as obras de mellora da rede de saneamento da conca da estación de bombeo de augas residuais de Carracido, no concello de Valga.

Este contrato, cun investimento autonómico que rolda os 50.000 euros, foi adxudicado á empresa Vázquez y Reino, S.L. O prazo de execución dos traballos é de 3 meses.

Trátase de intervir na rede de saneamento do municipio de Valga e de aplicar as medidas correctoras necesarias a través da reparación dos puntos de infiltración de augas brancas nas conducións actuais destinadas ao saneamento.

A actuación sobre estes puntos de entrada ten por obxecto reducir os problemas de exceso de caudal e augas altamente diluídas que se reciben na estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Valga.

Máis en detalle, mediante este contrato procederase á rehabilitación dos pozos de rexistro no entorno dos núcleos de Vilar, de Vilarello e de Carracido, así como nas Eiras-Moldes e en Laxes-A Torre.

As tarefas que se van desenvolver comezarán pola limpeza do pozo de rexistro con auga a presión e retirada de residuos, para a correcta aplicación dos materiais na reconstrución de fondos e paredes dos pozos.

A continuación, procederase ao selado de entradas de auga aos pozos rexistro. Estas tarefas completaranse co revestimento interior como reforzo, tanto estrutural como de impermeabilización, mediante formigóns de reparación de fraguado rápido adoitados ao seu uso en saneamento.

Destacan, tamén, os traballos no aliviadoiro en Vilar, nos que se inclúe a modificación dun pozo de rexistro. En concreto, procederase á división dun dos pozo de rexistro de augas pluviais, cun tabique de ladrillo enfuscado con morteiro impermeable, que permita elevar a cota efectiva de alivio evitando a entrada do curso de auga ou das augas pluviais na rede de saneamento durante o período invernal.

Con estas actuación o departamento que preside Ethel Vázquez segue a fomentar a mellora da calidade ambiental da zona e a redución de posibles desviacións no funcionamento do proceso de tratamento que poidan chegar a xerar impactos negativos sobre o medio receptor.