A conselleira de Política Social e o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, visitaron esta mañá cinco asociacións na cidade das Burgas

Fabiola García sinala que o traballo das entidades sociais de Ourense fala dunha cidade solidaria e comprometida

As organizacións que visitou traballan no eido das persoas con alzhéimer, como Afaor; o dano cerebral, como Renacer; a protección á infancia, como é o caso de BaoQuivi; as mulleres en situación de vulnerabilidade, como a Asociación de Viudas María Andrea; e a discapacidade, como Aixiña

Agradeceu a todas as entidades o seu labor e insistiu en que "a Xunta de Galicia estará sempre ao seu carón para facer realidade todos os seus proxectos"

Ourense, 21 de febreiro de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, salientou que o traballo das entidades sociais de Ourense fala dunha cidade solidaria e comprometida. Os representantes de ambas institucións visitaron esta mañá cinco organizacións sen ánimo de lucro centradas diferentes eidos que desenvolven o seu labor na cidade das Burgas.
As entidades que visitaron foron Afaor, que serve de punto de encontro para as familias de persoas con alzheimer; Renacer, que atende ás persoas con dano cerebral de Ourense; BaoQuivi, que permite dar un servizo de protección á infancia; a Asociación de Viudas María Andrea, que pon en contacto a mulleres en situación de vulnerabilidade; e Aixiña, que ofrece servizos de atención a persoas con discapacidade.
O Goberno galego achega a estas cinco asociacións un investimento que supera o millón de euros, dos que 600.000 son para financiar un total de 33 prazas públicas para persoas con discapacidade no centro residencial de Aixiña, entidade na que a conselleira de Política Social mantivo un encontro cos medios de comunicación.
Fabiola García destacou que "as entidades sociais que teñen presenza na cidade das Burgas dan boa conta do espírito dos seus cidadáns e do bo vivir que se respira nas súas rúas". E agradeceu a todas elas o seu labor, ás que asegurou que a Xunta de Galicia está e “estará sempre ao seu carón para facer realidade todos os seus proxectos".

Imaxes relacionadas