A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou esta mañá as actuacións correspondentes a unha 3ª fase de mellora do saneamento neste municipio

A Xunta licita por case 1,3 M€ as obras de mellora do saneamento en 5 novos núcleos das parroquias de San Mamede e de Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra

Vázquez Mourelle explica que se prevé comezar as obras a finais de verán e telas rematadas no 1ª cuadrimestre de 2023, xa que contan cun prazo de 7 meses

A intervención dotará de saneamento as vivendas que carecen deste servizo, cunha rede separativa que recolla as augas fecais e as leve á depuradora de Neira

Vedra (A Coruña), 21 de febreiro de 2022

A Xunta licitou hoxe por case 1,3 millóns de euros as obras de mellora do saneamento en 5 novos núcleos das parroquias de San Mamede e Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Vedra, Carlos Martínez, presentou esta actuación, que se corresponde coas obras dunha 3ª fase de mellora do saneamento do municipio.

Vázquez Mourelle explicou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe esta licitación, o que permitirá comezar as obras a finais de verán e rematalas no 1º cuadrimestre de 2023, ao contar cun prazo de execución de 7 meses.

As empresas interesadas na execución destes traballos teñen de prazo ata o 22 de marzo para presentar as súas ofertas.

Estas intervencións enmárcanse no convenio asinado en outubro entre a Xunta, que asume o financiamento do 80% das obras, algo máis de 1 millón de euros, e a administración local, que porá á disposición os terreos necesarios, ademais de cofinanciar o 20% restante. A actuación está confinanciada polo Fondo Agrícola de Desenvolvemento Rural, FEADER, 2014-2020.

A conselleira subliñou que estes traballos se engaden a outros executados en anos anteriores nas parroquias como Tomonde ou Neira e tamén en distintos núcleos das parroquias de San Mamede e de Santa Cruz de Ribadulla, cun orzamento de 1 M€ o que, sumado ao actual, supón un investimento global de 2,3 M€.

Lembrou que o Goberno galego xa acometeu a instalación dunha rede de colectores e a execución dunha nova depuradora no núcleo de Neira que, nunha segunda fase, se dotou dun novo equipo de bombeo para incrementar a súa capacidade e permitir a incorporación da depuración de novos núcleos.

Nova intervención

A intervención presentada hoxe completa a mellora do saneamento do municipio, dando solución de saneamento a vivendas de 5 núcleos das parroquias de San Mamede e de Santa Cruz de Ribadulla que carecen de sistema de depuración e verten directamente á cuneta. Trátase, concretamente, de mellorar o saneamento dos núcleos de Outeiro, A Lagoa, Sete, Angustín e Agrelo.

Para iso, segundo explicou a conselleira, vaise executar unha rede separativa que recolla as augas fecais destes núcleos, levándoas ata a depuradora de Neira, preparada para que poida asumir a depuración de máis poboacións.

Ampliarase a rede proxectada inicialmente, cun novo ramal que recollerá as augas residuais de Agrelo e os tramos que conectan unhas vivendas de Rozadela e outras próximas ao campo de fútbol.

Para os núcleos de Outeiro e A Lagoa, deséñase unha estación de bombeo que descargará nun pozo de rede xa existente.

A impulsión prevista levará as augas desde a estación de bombeo ata unha cámara de rotura de carga, desde a que un tramo de colector por gravidade descarga na rede actual.

Executaranse máis de 5 km de colectores de gravidade, máis de 400 metros de impulsións e 194 pozos, o que posibilitará dar servizo a unha poboación de 500 habitantes.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade fixo fincapé en que esta intervención se enmarca na aposta da Xunta por apoiar aos concellos máis pequenos nas súas responsabilidades municipais de abastecemento, saneamento e depuración.

Lembrou que o Goberno galego é consciente das dificultades técnicas e financeiras que os municipios pequenos teñen para impulsar este tipo de infraestruturas, máis se cabe cando se trata de concellos rurais, con núcleos e poboación moi dispersa.

Imaxes relacionadas