A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo abriron hoxe en Pontevedra os encontros informativos #ConstruíndoFogar

A Xunta ofrecerá este ano unha trintena de axudas e incentivos no eido da vivenda para poñer á disposición de particulares, concellos e promotores máis de 150 M€

Ángeles Vázquez subliña a oportunidade que supoñen estes fondos para facilitar o acceso dos cidadáns a un fogar tanto en réxime de propiedade como en alugueiro e fomentar á vez as actuacións de rehabilitación do patrimonio xa construído

Avanza que este ano están proxectadas máis de 200 novas vivendas protexidas en Pontevedra coas que se reforzará o actual parque público residencial da cidade

Pontevedra, 21 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia ten previsto ofrecer este ano unha trintena de programas de axudas e incentivos en materia de vivenda para poñer á disposición de cidadáns, concellos e promotores que operan no sector residencial máis de 150 millóns de euros procedentes de fondos públicos.

Así o expuxo esta mañá en Pontevedra a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco do primeiro dos encontros informativos #ConstruíndoFogar que organiza o seu departamento para dar a coñecer o conxunto de liñas de subvención que xestionará a Xunta durante 2022, incluídas tanto as xa convocadas como as que se publicarán nos vindeiros meses.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e ante preto dun cento de representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños dos 10 concellos da comarca, Ángeles Vázquez subliñou a gran oportunidade que ofrecen estes fondos para facilitar o acceso dos cidadáns a un fogar en réxime de propiedade ou en alugueiro, ao tempo que se fomentan novas actuacións de rehabilitación do patrimonio construído con fins residenciais.

Precisamente, o principal obxectivo destas xornadas itinerantes, que percorrerán varias comarcas galegas nas vindeiras semanas, é expoñer e trasladar aos seus potenciais beneficiarios toda a información fundamental relacionada con estas axudas.

A tal fin, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, fixo unha presentación detallada dos 31 programas que xestionará en 2022 este organismo, incidindo especialmente nos requisitos de acceso, os colectivos aos que van dirixidos, as contías máximas das axudas e os prazos de presentación para os que xa están publicados.

Así mesmo, Ángeles Vázquez subliñou que, de forma complementaria a estas liñas, a Xunta seguirá impulsando actuacións directas para incrementar o actual parque público residencial, sobre todo en municipios que, como Pontevedra, concentran maior demanda.
Así, avanzou que este ano están en fase de proxecto ou en construción un total de 109 vivendas protexidas no barrio de Valdecorvos: as 76 que construirá o IGVS, cuxo proxecto se licitará esta primavera, e outras 33 en dúas parcelas de solo residencial que foron adxudicadas no ano 2020 a unha cooperativa privada para o seu desenvolvemento.

Ademais destas dúas promocións, cun investimento de 11,65 millóns de euros, a conselleira anunciou que, no marco do concurso de solo residencial que convocará este ano Xestur, incluiranse dúas parcelas máis, localizadas tamén en Valdecorvos, coa previsión de construír 104 vivendas protexidas, de forma que este ano están proxectados na cidade, entre promoción pública e privada, máis de 200 novos pisos de protección.

Miles de vivendas beneficiadas en Pontevedra

Durante a súa intervención, a conselleira animou aos asistentes a informarse sobre o amplo abano de axudas e incentivos en materia de vivenda ao que poderán optar en 2022 e solicitar aqueles que mellor se axusten aos seus proxectos, co fin de contribuír a dinamizar o mercado da vivenda de Pontevedra e da súa comarca.

En concreto, haberá incentivos á rehabilitación do parque residencial dirixidos sobre todo a particulares e comunidades, como as axudas do PREE 5000, aínda en prazo e que se poden pedir en seis concellos da comarca; e outros concibidos para apoiar ás entidades locais, como as axudas para rehabilitar inmobles de titularidade municipal destinados a alugueiro social ou o Fondo de cooperación do IGVS para concellos de menos de 50.000 habitantes, que pon á súa disposición préstamos sen xuros durante un máximo de 8 anos.

Así mesmo, co fin de facilitar o acceso a unha vivenda en propiedade, está aberto ata o 30 de setembro o prazo para solicitar as axudas para comprar unha VPP ou para adquirir un inmoble nun dos case medio cento de centros históricos declarados en Galicia.

No eido do alugueiro, manteranse programas xa consolidados como as axudas ao alugueiro ou o Bono social e o Bono para vítimas de violencia de xénero, ao tempo que se empezarán a xestionar novas axudas, como o Bono de alugueiro mozo ou os incentivos para menores de 35 anos que opten por irse a vivir como arrendatarios ao rural, contribuíndo así ao reto demográfico.

De feito, referiuse á boa acollida que tiveron na provincia as últimas convocatorias dalgunhas destas liñas de axudas. A modo de exemplo, citou o programa de axudas para actuacións de conservación, seguridade e accesibilidade, que no período 2019-2021 permitiu intervir e mellorar máis de 3.700 vivendas no conxunto de Pontevedra, ou ás 15 subvencións directas que recibiron o ano pasado outras tantas familias para mercar a súa vivenda habitual nun dos centros históricos da provincia.

Imaxes relacionadas