Fernández-Tapias comproba o resultado das obras de rehabilitación integral do IES Santa Irene tras un investimento de 1,2 millóns de euros

A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, supervisou as actuacións de mellora enerxética, accesibilidade e mantemento realizadas no instituto vigués

Destacou o compromiso do Goberno galego coa mellora do ensino na cidade con obras en marcha por un importe superior aos 5,5 millóns de euros

Vigo, 21 de febreiro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, comprobou esta mañá as melloras acometidas polo Executivo autonómico no IES Santa Irene, logo do remate das obras de rehabilitación integral executadas polo Goberno galego tras un investimento de 1,2 millóns de euros.
Segundo informou as actuacións dividíronse en tres tipos; as de mellora enerxética, as de mellora da accesibilidade e as de mantemento. No referido á eficiencia enerxética, substituíronse os materiais da antiga cuberta, reparáronse as fiestras de madeira e mudáronse as reixas da planta do soto e revisouse a carpintería de aluminio existente. Ademais renovouse a iluminación con luminarias LED, a calefacción e a ventilación mecánica e drenáronse os muros exteriores baixo rasante.
En canto á accesibilidade, instalouse un ascensor de baixo consumo, fíxose un novo acceso desde o espazo exterior ao semisoto e adaptáronse os aseos de todos os andares e os pasamáns das escaleiras.
Entre outros traballos de mantemento, reparáronse as humidades e as fendas en paredes e teitos, así como o pavimento; renovouse a pintura de todo o interior do inmoble e revisáronse as fixacións da maquinaria do reloxo da torre. Os traballos incluíron a cubrición do escudo franquista que existía na fachada do centro.

En canto ao escudo do fachada, Fernández-Tapias recordou que se optou polo metacrilato para a súa cubrición entendéndose que era a proposta máis acaída e respectuosa coa imaxe xeral da fachada −realizada con perpiaños de granito de Ulló−, e cos valores culturais que acredita o inmoble.

Por outra banda, a delegada territorial sinalou que, a marxe desta rehabilitación integral, vénse de encargar a unha empresa especializada o arranxo do reloxo. Segundo indicou, conta cunha maquinaría moi delicada que precisa da substitución dalgunhas das súas pezas.
Neste contexto, Fernández-Tapias destacou o compromiso do Goberno galego coa mellora do ensino na cidade con obras en marcha por un importe superior aos 5,5 millóns de euros. De entre as que están nestes intres en execución ou programadas para o seu inicio inminente, citou a rehabilitación do Conservatorio Superior de Música (1,2 M€); o edificio contiguo ao CEIP Virxe do Rocío (236.000 euros), que albergará a sede administrativa do Centro de Formación e Recursos do Profesorado (CFR); a rehabilitación integral do IES San Tomé de Freixeiro (1,2 M€), un proxecto pensando na eficiencia enerxética e cuxo inicio está pendente da concesión de licenza municipal; as cubertas do CEIP A Doblada (139.000 euros); ou a reforma do ximnasio e os vestiarios do IES Alexandre Bóveda (282.000 euros).

IES de Navia

Tras indicar que os máis de 27 millóns de euros investidos en Vigo desde o 2009 converten á cidade no concello de Galicia con maior investimento neste ámbito, sinalou que todas estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para transformar os centros educativos ás novas necesidades post-pandemia, e que conta cun orzamento de 191 M€ para o período 2021-2024.
Fernández-Tapias fixo así referencia ao IES de Navia que o Goberno galego ten comprometido no barrio vigués como unha das actuacións máis ambiciosas da nova planificación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para a que se reservan 8 millóns de euros.
A delegada territorial, incidiu en que os orzamentos deste ano xa recollen unha partida específica para esta infraestrutura, “como a mellor garantía -dixo- do compromiso da Xunta co novo centro”. En todo caso, anotou que o departamento autonómico está á espera de que o Concello de Vigo ceda os terreos para, despois, poder asinar o convenio para a súa construción.

Imaxes relacionadas