A Xunta investirá 300.000€ na recuperación do mosteiro de San Salvador de Camanzo, en Vila de Cruces

Román Rodríguez destacou esta obra como unha nova mostra do Goberno galego coa conservación do patrimonio cultural, cun incremento do 23,5% nos orzamentos de 2022

A actuación é previa á redacción dun Plan Director que permita acadar unha conservación sostible e atopar novos usos para o conxunto

As obras, que se licitarán ao longo deste ano, abranguen a limpeza do conxunto, a súa restauración estrutural e construtiva e o rexistro e inventario dos elementos que se conservan na propiedade
 

Vila de Cruces (Pontevedra), 20 de febreiro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o mosteiro de San Salvador de Camanzo, en Vila de Cruces, onde anunciou un investimento de arredor de 300.000€ para recuperar este conxunto. Tal e como sinalou, esta intervención é previa á elaboración dun Plan Director a través do que se pretende acadar unha conservación sostible do mosteiro e atopar novos usos para o seu desfrute por parte do público.

Román Rodríguez enmarcou esta actuación no compromiso do Goberno galego coa recuperación do noso patrimonio cultural máis senlleiro, como testemuña do legado dos nosos ancestros. “Unha herdanza da que nos sentimos profundamente orgullosos e que traballamos para conservar nas mellores condicións”. Neste sentido, lembrou que os orzamentos de 2022 os investimentos increméntase un 23,5% no eido patrimonial.

O titular do departamento de Cultura do Goberno galego explicou que a intervención, cuxas obras está previsto licitar ao longo deste ano, teñen como obxectivo “dotar ao conxunto de seguridade estrutural e facilitar a visita pública ao monumento en tanto non se determinen os seus novos usos a través do Plan Director”.

No caso concreto da igrexa, a intervención contempla traballos de conservación e mantemento dos seus sistemas construtivos, corrixir os efectos de deterioro ocasionados pola humidade e a reparación das súas causas.


Intervención no conxunto
Para o resto do conxunto, a obra inclúe a limpeza xeral de todos os muros do patio, da contorna das edificiacións e da zona do atrio, garaxe e sancristía; a desmontaxe de parte do actual forxado da casa reitoral para a súa posterior restauración seguindo as técnicas construtivas tradicionais, e a colocación de iluminarias no patio do claustro mediante lámpadas tipo led.

Tamén se proxecta a conservación dos edificios auxiliares de uso agrícola e fornos abertos ao patio, do ámbito relacionado coa antiga cociña, a revisión da estrutura do corredor exterior e a limpeza, acondicionamento e conservación do patio e da viña que o cobre. Neste caso, prestarase especial atención ao tratamento fitosanitario da vide, repararase o seu apeo vertical e de ser necesario aplicarase o tratamento preventivo necesario para garantir a súa pervivencia.

Así mesmo, a actuación abrangue a restauración das portas que dan ao patio, a reparación das humidades que aparecen na esquina da ábsida da igrexa e a colocación dunha gárgola de chumbo que manteña seca a fachada da igrexa e a retirada dos elementos de formigón que se atopan no lagar.

A maiores, rexistraranse e farase inventario dos elementos, obxectos, aveños e pezas de interese etnolóxico, histórico, artístico e relixioso que se conservan na propiedade, especialmente nos locais de uso agrícola vinculados ao patio.

Datado no século X

O conxunto monumental do mosteiro de san Salvador de Camanzo está conformado na actualidade na actualidade pola igrexa parroquial e a casa reitoral, que ocupa o espazo da antiga granxa beneditina e anteriormente do mosteiro da orde bieita. Está incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural da Galicia e suxeito ao réxime de protección e conservación para os bens catalogados.

O mosteiro foi fundado no século X polo Conde Don Gonzalo e a súa muller dona Tareixa que orixinariamente servía a unha comunidade de monxes e pasou a ser de monxas beneditinas dependente do convento de San Paio de Antealtares en Santiago de Compostela, ao que se incorpora en 1516. A igrexa construíuse no século XII, aproveitando o período de esplendor do mosteiro, que coincide co remate do mosteiro de Carboeiro en Silleda.

Do mosteiro apenas quedan restos como a arcada que pertenceu á sala capitular, con porta principal de arquivoltas semicirculares, que presenta catro anxos cos brazos abertos e unha figura bendicindo e no tímpano está esculpida a figura dun Salvador que bendice, froito da escola compostelá.

A casa reitoral presenta planta en “L” arredor dun patio pavimentado que preside e cobre, en case a súa totalidade, unha viña antiga. Na súa planta alta, ábrese ao patio, nunha solaina que recorre todas as súas fachadas abertas aos ventos sur e oeste. O lateral oeste do patio péchano unhas construcións auxiliares dedicadas a labores agrícolas e á actividade tradicional da casa e o grande portalón cuberto polo que se accede ao conxunto.
 

Imaxes relacionadas