A Xunta expón as fortalezas da innovación galega no Foro Transfiere de Málaga

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou neste encontro de referencia do Sur de Europa, onde presentou o modelo galego de impulso á transferencia de coñecemento, así como os esforzos para contar cun ecosistema de innovación forte e cohesionado

Málaga, 20 de febreiro de 2022

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta semana en Málaga no Foro Transfiere 2022, o principal encontro do sur de Europa en materia de I+D+i. Nas súas intervencións puxo en valor o esforzo realizado pola Administración autonómica nos últimos anos para dinamizar a colaboración entre os axentes do ecosistema galego de innovación e que ten contribuído a crear un ecosistema forte e cohesionado.

A directora da Axencia Galega de Innovación, que prestou especial atención ao modelo galego de apoio á transferencia de coñecemento, explicou nunha mesa redonda sobre casos de éxito de financiamento privado da I+D que unha das fortalezas do ecosistema galego é precisamente a cooperación, segundo destaca o informe La innovación abierta en Galicia da Fundación COTEC. Neste sentido, destacou algúns instrumentos impulsados pola Xunta para avanzar nesta colaboración, como as Unidades Mixtas de Investigación, a Compra Pública Innovadora, o modelo de impulso ao emprendemento das business factories, e os os fondos de capital risco.

Argerey participou tamén noutra mesa redonda sobre a xestión territorial dos fondos europeos xunto a representantes das comunidades autónomas de Andalucía, País Vasco, Comunidade Valenciana e Comunidade de Madrid, ecosistemas de referencia no ámbito da I+D+i. A directora da Axencia Galega de Innovación apuntou que a transferencia de coñecemento é clave para converter os resultados da investigación en valor económico e social e presentou o programa Ignicia, unha iniciativa pioneira en España para apoiar a chegada ao mercado dos resultados da investigación realizada nos centros de coñecemento galegos.

Ignicia inclúe, ademais da convocatoria de proba de concepto que ten apoiado 23 proxectos cun investimento de 10,2 millóns de euros e da que naceron 9 spin-offs, outras actuacións como a monitorización do sistema de transferencia, a formación de xestores de transferencia e persoal investigador, o desenvolvemento de metodoloxías de apoio aos procesos de valorización e os encontros para favorecer a interrelación entre os axentes e aliñar as necesidades do tecido produtivo cos centros xeradores de coñecemento. Este programa verase reforzado no marco da nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia con novas actuacións.

A Axencia Galega de Innovación participou os días 16 e 17 de febreiro, na undécima edición do Foro Transfiere, o principal encontro de I+D+i do sur de Europa que se celebra en Málaga. O obxectivo deste evento é compartir coñecemento científico e tecnolóxico, promover a innovación e conectar ciencia e empresa.

A Xunta de Galicia contou cun stand propio na feira, ao que acudiu acompañada de diversos axentes do sistema galego de innovación. Este ano sumáronse á delegación galega startups incubadas ou aceleradas ao amparo das business factories e o fondo Ignicia proba de concepto para participar activamente nas mesas de networking.

Pola súa parte, a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga) tamén estivo presente no Foro Transfiere para amosar as capacidades dos sete centros tecnolóxicos galegos que forman parte da alianza nun stand ubicado na área da Federación Española de Centros Tecnológicos (Fedit).
 

Imaxes relacionadas