O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, fixo balance coa directora da Fundación Meniños, Mónica Permuy, sobre o programa de Adopcións especiais

Política Social pon en valor a solidariedade das familias galegas que ofrecen un fogar a nenos con necesidades especiais

No 2021 seis pequenos con algún tipo de necesidade foron adoptados por unha familia, os mesmos que no 2020

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2022

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, puxo en valor a solidariedade das familias galegas que ofrecen un fogar a nenos con necesidades especiais. No 2021 seis destes pequenos foron adoptados, mesmo número que no 2020.

Jacobo Rey fixo balance do programa de adopcións especiais coa directora da Fundación Meniños, Mónica Permuy, entidade que o xestiona. As adopcións especiais están dirixidas a calquera familia que estea disposta a ofrecer un fogar a menores que formen parte dun grupo de tres ou máis irmáns ou que posúan algún tipo de discapacidade física, psíquica ou sensorial, ou enfermidade.

O director xeral salientou que o único requisito que se esixe para entrar a formar parte deste programa é ter un proxecto adoptivo, sen importar o número de membros da unidade familiar, se ten máis fillos ou calquera outra circunstancia, xa que cada familia pode ofrecer unha resposta axeitada ás diferentes necesidades dos menores.

Apoio e asesoramento

Todas as familias participantes contan co apoio e asesoramento da Xunta de Galicia, a través da Fundación Meniños, durante todo o proceso de adaptación, desde o momento mesmo en que solicitan información sobre o programa, a través de reunións informativas que se realizan de xeito presencial nas catro provincias, ata que se supera o primeiro ano de convivencia, e mesmo máis tarde se a situación o require.

Imaxes relacionadas