O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, reuniuse coa presidenta da entidade en Galicia, Carmen Colmeiro

Política Social analiza con Cruz Vermella novas liñas de colaboración centradas na formación dos profesionais sociosanitarios

Salientou o traballo que está a realizar a institución benéfica no ámbito da atención aos maiores a través de programas como a Teleasistencia

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2022

O director xeral de Atención Integral Socio-Sanitaria, Antón Acevedo, mantivo unha reunión coa presidenta de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro, para estudar novas liñas de colaboración centradas na formación dos profesionais sociosanitarios. A Consellería de Política Social está a traballar neste eido a través do Plan de Formación Continuada, dirixido a máis de 10.000 profesionais e conformado por 300 actividades e máis de 6000 horas.

Este plan, que se puxo en marcha o pasado mes de novembro, permite atender as dúbidas e formar os profesionais dos diferentes centros nas técnicas máis avanzadas. Deste xeito, os contidos destas sesións formativas comprenden desde novidades normativas ata aspectos máis tecnolóxicos ou sociais.

Teleasistencia

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria salientou, ademais, durante o encontro, o traballo que está a realizar Cruz Vermella no ámbito da atención ás persoas maiores a través de programas como o da Teleasistencia, que conta co apoio económico da Xunta de Galicia.

Neste sentido, Antón Acevedo sinalou que a teleasistencia é un recurso fundamental para axudar aos maiores no seu día a día, pois con soamente premer un botón teñen ao seu alcance a atención que precisan. A aposta por este programa enmárcase no impulso que o Executivo autonómico está a dar a prestacións públicas que fan posible que as persoas poidan elixir libremente onde e como queren envellecer, como son o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o Xantar na casa, ou as Casas do maior, entre outras.

Imaxes relacionadas