A Xunta informa aos 313 concellos que disporán de dous programas cun orzamento de 31 M€ para facilitar vivenda pública sostible e eficiente

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda remitiu unha carta aos alcaldes e alcaldesas para adiantarlles a próxima publicación de dúas liñas de axuda

O programa para a construción de vivenda en alugueiro social fixa incentivos de ata 50.000 € por inmoble, mentres o de rehabilitación a nivel de barrio permitirá actuar sobre áreas concretas con máis de 25.000 € por obra
 

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2022

A Xunta informou esta semana aos concellos galegos que proximamente terán á súa disposición dous programas de participación directa das entidades locais, cun orzamento total de 39 millóns de euros de fondos europeos, para facilitar vivenda pública sostible e eficiente.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, remitiu unha carta aos 313 alcaldes e alcadesas galegos, na que lles avanza que nas vindeiras semanas se publicará a convocatoria de 2022 de dúas liñas de axuda e lles traslada a dispoñibilidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo para aclarar as posibles dúbidas.

Concretamente, o programa de construción de vivendas de alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes, prevé axudas de 700 euros por m2 útil —e ata un máximo de 50.000 euros por vivenda— que poden ser atractivas para crear, incrementar ou mellorar o parque público de vivenda en alugueiro de titularidade municipal.

Estes incentivos, con 8,1 millóns de euros para os concellos —e o mesmo orzamento para as empresas público-privadas—, permiten construír novos inmobles ou rehabilitar os existentes, sempre que manteñan o réxime de alugueiro por un mínimo de 50 anos.

O segundo dos programas, con 22,9 millóns de euros, é o de axudas ás actuacións de rehabilitación a nivel barrio, que permitirá subvencionar obras conxuntas de recuperación en edificios residenciais, así como de mellora e urbanización de espazos públicos dentro das novas contornas residenciais de rehabilitación programada, que deberán ser declaradas pola Xunta ou os polas propias entidades locais.

Neste caso, os incentivos poderán chegar ata máis de 25.000 € por vivenda. Así mesmo, cómpre lembrar que as actuacións en áreas de rehabilitación integral (ARI) e áreas Rexurbe poderán financiarse tamén a través desta liña, grazas ás xestións realizadas polo Goberno galego.

Así, a Xunta anima aos concellos a presentar solicitudes a estes programas e acceder aos recursos públicos que teñen por obxectivo facilitar o acceso a un fogar aos galegos.

 

Imaxes relacionadas