O conselleiro de Educación preside a xuntanza cos 27 grupos de traballo que levan meses elaborando os contidos da parte autonómica

A Xunta pecha os borradores dos novos currículos educativos á espera de que o Goberno do Estado publique os documentos definitivos

Román Rodríguez subliña que Galicia “cumpre coa súa responsabilidade” e insiste en esixir ao Ministerio que “asuma a parte que lle corresponde, que é aprobar sen máis demora o marco estatal, porque xa estamos no tempo de desconto”

Defende que o Goberno galego actúa “coa máxima lealdade institucional” pese a que os borradores do Ministerio “son tal amplos que apenas deixan marxe suficiente ás comunidades autónomas para incorporar contidos propios”

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2022

Galicia ten pechado a día de hoxe as liñas xerais da parte autonómica dos currículos educativos de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato adaptados á nova lei de Educación (LOMLOE), e continúa á espera de que o Goberno do Estado publique os documentos definitivos cos contidos que rexerán a partir do vindeiro curso 2022-23.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu esta semana a xuntanza dos 27 grupos de traballo que levan meses elaborando a parte autonómica (aproximadamente o 50% do total dos contidos) destes currículos, coa participación de máis dun cento de expertos entre docentes e inspectores.

“Con este traballo -explicou o conselleiro- desde o Goberno da Xunta estamos cumprindo coa nosa obriga de adaptar ao contexto galego a proposta do Ministerio”. “Agora -engadiu- falta que o Ministerio tamén cumpra coa súa parte, e publique canto antes o marco estatal, porque xa estamos no tempo de desconto”. Román Rodríguez referiuse así a que aínda quedan uns sete meses de trámites administrativos (incluído o informe do Consello Consultivo de Galicia) antes da aprobación final dos textos.

Unha vez que o Ministerio de Educación publique os reais decretos estatais -unicamente está o de Infantil-, a Consellería de Educación procederá a cotexalos cos borradores dispoñibles ata o momento, un proceso de adaptación que desde a Consellería se levará a cabo coa máxima celeridade e co obxectivo de “ter a nosa parte totalmente concluída a finais de marzo, sempre e cando o Ministerio cumpra coa nova promesa de que van estar este mes de febreiro”. Neste senso recordou que a anterior promesa é que estarían antes de finalizar 2021.

O titular de Educación expresou unha vez máis a súa preocupación por esta demora a nivel estatal, que se traduce en “incertezas para a comunidade educativa, especialmente para os equipos directivos e os docentes, que teñen que organizar e preparar a parte académica de cada unha das materias, como para as editoriais, que teñen que adaptar os contidos dos manuais aos novos currículos, e as dúbidas entre os propios alumnos”.

Sen apenas marxe para as comunidades

Salientou tamén que o traballo levado a cabo en Galicia nos últimos meses fíxose “con lealdade institucional” e axústase ás liñas establecidas na LOMLOE, pero coa “contextualización dos currículos de cada área ou materia á realidade de Galicia”.

Non obstante, o conselleiro puxo de manifesto que os borradores dos proxectos de reais decretos aportados polo Ministerio “contan con excesivas ensinanzas mínimas, que non nos deixan marxe suficiente ás comunidades autónomas para incorporar os contidos correspondentes”. Isto é, “deberían ocupar o 50% do horario, pero o contido é tan extenso que nalgúns casos ocuparían case o 100%”, abondou.

Imaxes relacionadas