A Xunta investirá case 90.000€ na sinalización de terreos cinexéticos e hábitats piscícolas de xestión pública

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar o contrato para a adquisición de máis de 11.000 sinais e mastros para garantir a posta en valor e un aproveitamento ordenado e sustentable dos recursos naturais cinexéticos e piscícolas

 

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2022.- A Xunta de Galicia acaba de adxudicar por un importe de preto de 90.000 euros o contrato para a subministración de sinais para a posta en valor de terreos cinexéticos e hábitats piscícolas baixo xestión pública.

En concreto, a empresa adxudicataria terá un prazo de seis meses para adquirir e entregar nos puntos de almacenamento dos que dispón cada servizo provincial da Dirección Xeral de Patrimonio Natural 2.722 sinais de caza e 3.097 de pesca, así como 5.359 mastros.

Segundo consta na memoria xustificativa, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda considera necesario realizar a adquisición de material de sinalización e a súa instalación nestes espazos para garantir o desenvolvemento e aproveitamento ordenado e sustentable dos recursos naturais cinexéticos e piscícolas, en coherencia coas estratexias e medidas establecidas polos plans ou instrumentos de xestión dos mesmos.

Neste sentido, a Lei de caza de Galicia establece que a consellería competente en materia cinexética deberá sinalizar aqueles terreos considerados como zonas libres de caza cuxa xestión corresponde á Xunta, así como outras zonas como os refuxios de fauna.

Do mesmo xeito, tamén a Lei de pesca continental de Galicia, aprobada o ano pasado, e o decreto polo que se aproba o regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais establecen a necesidade de regular o aproveitamento ordenado das poboacións piscícolas mediante unha óptima xestión do recurso e a adopción de medidas de protección da fauna e do ecosistema acuático en xeral.

Para o cumprimento destes fins é preciso a delimitación das zonas nas que o exercicio da pesca está permitido ou prohibido, así como o establecemento a través desta sinalización das distintas modalidades de pesca e tamaños mínimos das especies.

Os terreos cinexéticos e as zonas de pesca que é preciso delimitar, constitúense como espazos naturais de interese para fins de conservación da natureza, e a súa xestión ordenada contribúe así mesmo ao mantemento do equilibrio natural das poboacións de especies silvestres.