A Xunta salienta o traballo das redeiras galegas e aposta por "un esforzo activo" para darlles máis visibilidade e mellorar as súas condicións laborais

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, participaron hoxe na asemblea da Federación galega de redeiras artesás O Peirao

López Abella avogou pola igualdade efectiva nesta profesión, unha das máis feminizadas no eido da pesca, onde o 86,28% das persoas traballadoras son mulleres

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro destacou o apoio do Executivo galego ao papel de representación do colectivo que exerce a Federación O Peirao e á formación relacionada coa reparación e mantemento de artes e aparellos de pesca coa mirada posta na remuda xeracional neste sector

Teo (A Coruña), 19 de febreiro de 2022

A Xunta avogou hoxe en Teo, na asemblea xeral da Federación galega de redeiras artesás O Peirao, por “un esforzo activo” para dar máis visibilidade ao traballo destas profesionais e mellorar e equipar as súas condicións laborais. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, participaron hoxe nesta xuntanza na que puxeron en valor o traballo deste colectivo, un dos máis feminizados no eido da pesca, onde o 86,28% das súas persoas traballadoras son mulleres. Na reunión puideron escoitar as preocupacións e logros da entidade co obxectivo de poder atender as súas principais demandas.
López Abella destacou a necesidade de apoiar esta actividade económica porque “sen redes non hai pesca” polo que, engadiu, que se trata dun oficio que é preciso manter no tempo e “nas mellores condicións posibles”. Neste senso, afirmou que o Goberno galego comparte coa Federación O Peirao un dos seus obxectivos principais: avanzar na consecución da igualdade efectiva entre homes e mulleres. Recordou que o traballo de redeira implica longas xornadas laborais, cunha exposición excesiva ás inclemencias do tempo e ás altas temperaturas dos peiraos e cunhas posturas difíciles e repetitivas en condicións de constante humidade.
Así, indicou que o traballo que realiza a Federación é fundamental para que o traballo das redeiras sexa recoñecido polo sector e o conxunto da sociedade, polo que indicou que o Goberno galego seguirá apoiando o labor desta entidade integrada por oito asociacións. Nos últimos anos, a Federación foi beneficiaria das axudas da Secretaría Xeral da Igualdade para fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres e para apoiar ás entidades de iniciativa social para o desenvolvemento de programas de mulleres.
Así mesmo, a Xunta asina coa Federación desde 2019 un convenio de colaboración para o desenvolvemento de accións de prevención, sensibilización, e detección da violencia de xénero. O pasado ano, a través desta cooperación, recibiu un apoio de 20.000 euros. Así, esta iniciativa permite apoiar a organización de xornadas de prevención, detección e erradicación da violencia de xénero e o traballo dos servizos de asesoramento en materia de xénero e xurídica especializada en violencia de xénero e en mediación.
Pola súa banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, engadiu que o Executivo galego tamén colabora anualmente coa Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao para promover o seu papel de representación deste colectivo, un eido no que esta entidade foi recoñecida coa Medalla Castelao por toda a súa traxectoria e polo seu labor de unión, compromiso e solidariedade co colectivo.
Con ese obxectivo, e do mesmo xeito que o ano pasado, a entidade beneficiarase este ano de 13.000 euros en axudas a través de dous convenios para facer fronte a gastos derivados da súa actividade así como a investimentos que redunden na mellora da competitividade desta rama profesional. A isto súmase, destacou, o apoio da Xunta á formación relacionada coa reparación e mantemento de artes e aparellos de pesca como a que impartiu o ano pasado a propia Federación ou a que se oferta no centro A Aixola, dependente da Consellería do Mar e situado en Marín. Isto, sinalou, reflicte a aposta do Goberno galego pola remuda xeracional neste sector.
Deste xeito, a Xunta aposta pola igualdade efectiva neste oficio para que o traballo de redeira poida manterse no tempo, para que a cadea de pesca non se resinta e para que este oficio sexa un referente en Galicia e no conxunto do país.

Imaxes relacionadas