Política Social e FAXPG fan balance do servizo de logopedia posto en marcha para nenas e nenos con discapacidade auditiva

A través deste servizo atendéronse 17 pequenos, cos que se traballou para impulsar habilidades e capacidades que faciliten a súa integración real

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2022

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, mantivo un encontro co presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg), Iker Sertucha, para facer balance do servizo de logopedia para atender a nenas e nenos con discapacidade auditiva.

A Consellería de Política Social colabora con Faxpg para prestar este servizo, que atende a 17 pequenos, para que poidan desenvolver plenamente as súas capacidades lingüísticas e favorecer a súa integración.

A iniciativa está orientada preferentemente a nenos e nenas de 0 a 6 anos con discapacidade auditiva, que utilizan diversas axudas técnicas para mellorar a súa audición e fala, como audífonos e implantes cocleares. Ademais da intervención logopédica individualizada, a federación tamén pon en marcha talleres formativos para pais e nais.
 

Imaxes relacionadas