Román Rodríguez anuncia un investimento de preto dun millón de euros para impulsar a industria dos videoxogos ao abeiro do Hub Audiovisual da Xunta

A primeira medida do paquete de accións específicas para a vertebración e a competitividade do sector é a convocatoria dunha liña de axudas, dotada con 500.000€, que se materializará neste primeiro semestre

O conselleiro mantivo unha xuntanza cos representantes da asociación videoxogo.gal para afondar tanto nesta como no resto de iniciativas para este ámbito, como a posta en marcha dunha aceleradora empresarial
 

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, recibiu hoxe na Cidade da Cultura de Galicia os representantes de videoxogo.gal, a asociación galega de videoxogos e contidos interactivos, aos que lles adiantou un investimento de preto dun millón de euros por parte do Goberno galego para o impulso da industria dos videoxogos a través dun paquete específico de accións enfocadas á vertebración e a competitividade deste sector.

Segundo explicou o conselleiro, a primeira das medidas ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultura da Xunta é a convocatoria dun fondo de axudas ao desenvolvemento de proxectos dotada con 500.000€, que se materializará neste primeiro semestre do ano. A isto engádese tamén a posta en marcha, nas vindeiras semanas, dunha aceleradora empresarial, cunha dotación de 370.000€, así como outras medidas que se irán desenvolvemento proximamente.

Na reunión, á que tamén asistiu o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron a presidenta de videoxogo.gal e socia fundadora de Imaxin Software, Luz Castro, así como os representantes de Ilux Tecnologies, ePolygon, Aruma Estudios, O Cable Inglés, Iseltec e Félix Menéndez.

O conselleiro avanzoulles as principais características desta primeira convocatoria, que será publicada no primeiro semestre do ano, así como o resto de iniciativas −ben específicas, ben transversais ao conxunto das industrias culturais− a través das que o Hub Audiovisual contribuirá a impulsar a vertebración dunha industria galega dos videoxogos e, xa que logo, a súa competitividade a nivel nacional e internacional. Estase a contar para o seu deseño coas achegas recibidas desde a propia asociación videoxogo.gal como principal entidade representativa do sector en Galicia.

Resposta ao potencial creativo e tecnolóxico

Como sinalou Román Rodríguez, a primeira destas medidas responde ao enorme potencial creativo e tecnolóxico do sector cun fondo de medio millón de euros, que se materializará nunha convocatoria pública de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de videoxogos por parte de produtoras galegas.

As empresas poderán optar a dúas modalidades. A primeira delas dirixirase a proxectos de certa envergadura, cun orzamento superior aos 200.000 euros, nos que a intensidade da axuda poderá chegar ao 25% cun límite máximo de 100.000 euros. A segunda categoría está pensada para propostas cun orzamento máximo de 200.000 euros e un carácter menos comercial, que poderán subvencionarse nun 75% ata un máximo de 50.000 euros. En ambos casos, para a súa concesión valoraranse criterios como a calidade do proxecto, a confirmación doutras fontes de financiamento, a capacidade de xeración de emprego ou o seu carácter cultural galego, entre outros aspectos.

Ao tempo, estase a deseñar un polo de aceleración como segunda das medidas específicas para o sector dentro do Hub Audiovisual da Xunta. Neste caso, os destinatarios serán emprendedores e empresas novas para contribuír a axilizar a saída ao mercado dos seus produtos e a súa consolidación. Esta iniciativa desenvolverase a través dun convenio cunha entidade colaboradora, que actuará como aceleradora, ao abeiro do que se articularán accións e programas en dúas edicións, cunha duración global de 20 meses desde a súa posta en marcha e das que está previsto que se beneficien un mínimo de dez empresas.

Como medida complementaria para contribuír a lograr unha maior e mellor estruturación do sector, levarase a cabo un “mapeo” do ámbito dos videoxogos en Galicia para identificar as principais empresas, proxectos e capacidade de xeración de emprego. Este será, así mesmo, o inicio dunha nova vía de diálogo co sector, que se abrirá nos vindeiros meses co fin de optimizar desde unha perspectiva integral todas as actividades de promoción e impulso que se manteñen desde os distintos departamentos do Goberno autonómico.

Lembrar que, tamén neste mesmo ámbito, a Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, ampliou o programa de Residencias Artísticas no Gaiás á creación dixital e aos videoxogos con COMTECART, promovida en conxunto coa Universidade de Vigo, co fin de desenvolver proxectos baseados en obras literarias galegas.

Programa extraordinario de apoio

Avánzase, desde xeito, na configuración das diferentes vías de apoio ás industrias culturais no marco Hub Audiovisual galego, un programa extraordinario que suporá unha inxección económica de 9,6 millóns de euros ata 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

As medidas comezaron a materializarse o pasado mes de setembro coa publicación dunha primeira convocatoria do fondo para a atracción de rodaxes, cun orzamento de 2 millóns de euros, que terá continuidade este ano coa mesma dotación. As primeiras beneficiarias foron catro series para a súa filmación en Galicia: Rapa e Argonautas, de Portocabo, Hasta el cielo, de Vaca, e 13 exorcismos, de 13 E Movie AIE.

Ademais, nestes momentos permanece aberto o prazo de solicitude para a segunda destas liñas de subvención, a través da que se destina 1,2 millóns de euros para o desenvolvemento de paquetes de proxectos audiovisuais. O seu obxectivo é facilitarlles ás produtoras galegas de cine e televisión a preprodución simultánea de entre tres e cinco propostas, de xeito que se multipliquen as posibilidades de éxito cara á súa produción.

Ao tempo, continúase traballando co sector no deseño do resto das medidas que conforman o Hub, dentro do que tamén se porán en marcha a plataforma Galicia Film Office, un polo de talento e un fondo transversal para o conxunto da industria cultural.
 

Imaxes relacionadas