A Xunta inicia o proceso para o lanzamento da nova convocatoria do bono turístico

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que este mesmo luns abrirá o proceso de selección da empresa financeira que xestionará a nova edición do bono turístico e que prevé que o procedemento quede resolto en pouco máis dunha semana

A premisa é abrir a comezos de marzo o prazo de adhesión das empresas turísticas e lanzar a nova convocatoria a mediados dese mes

Na xornada de hoxe realizou desde O Porriño un traxecto en bicicleta de parte da primeira etapa da volta ciclista a Galicia “O Gran Camiño”, que se celebrará do xoves ao domingo da próxima semana percorrendo as 4 provincias galegas e tramos de distintas rutas do Camiño de Santiago

O Porriño (Pontevedra), 19 de febreiro de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que inicia o proceso para o lanzamento da nova convocatoria do bono turístico e este mesmo luns abrirase o proceso de selección da entidade financeira colaboradora na xestión da nova edición do bono turístico, coa previsión de que quede resolto en pouco máis dunha semana. Así, está previsto tamén que sexa posible abrir a comezos de marzo o prazo de adhesión das empresas turísticas interesadas para que a mediados dese mes se poida publicar xa a nova convocatoria.

Alfonso Rueda confía en que se repita a historia de éxito de principio a fin da anterior edición, que foi moi ben acollida esgotando en 12 horas as 12.300 tarxetas dispoñibles e con case 1.200 establecementos turísticos adheridos. Esta iniciativa pioneira permitiu inxectar 7,7 millóns de euros ao sector converténdose nun balón de osíxeno para inxectar liquidez sobre todo na tempada baixa a través do turismo interno dos propios galegos e galegas que se animaron a descubrir a súa comunidade. De feito, os meses de maior consumo foron os de terceiro trimestre, o que da unha idea da capacidade de desestacionalización desta medida.

Así o explicou hoxe antes de iniciar o seu percorrido en bicicleta desde O Porriño de parte da primeira etapa que acollerá a próxima semana a volta a Galicia O Gran Camiño. Na saída desde o concello estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López e o alcalde Alejandro Lorenzo e realizou o traxecto co presidente da Federación Galega de Ciclismo, Carlos Muñiz e ciclistas como Ezequiel Mosquera, Samuel Blanco, Álvaro Pino, Carla Fernández, Miguel Rodríguez, José González ou Rafa Sáez.

O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que a próxima semana Galicia acollerá un evento deportivo de primeiro nivel e o primeiro evento do ano de impacto internacional da man do Xacobeo. A Xunta apoia a celebración desta carreira ciclista na que a organización promoverá a marca Galicia como destino seguro e o Xacobeo 21-22 polo seu impacto para dar a coñecer os recursos turísticos da comunidade e o Camiño de Santiago co obxectivo de atraer a turistas e peregrinos de todo o mundo neste Ano Santo. Por iso, augura que, ao igual que o verán pasado con La Vuelta 2021, será unha importante plataforma para amosar Galicia e o Xacobeo a nivel internacional.

Nesta liña, amosou a súa satisfacción pola recuperación dun evento que, como o Camiño de Santiago, percorrerá todas as provincias galegas cunha etapa por cada provincia e atravesando distintos tramos de distintas rutas xacobeas: parte do Camiño Portugués o xoves na etapa entre O Porriño e Vigo; do Camiño Fisterra e Muxía o venres no percorrido entre Bertamiráns, en Ames, e o mirador do Ézaro, en Dumbría; paisaxes da Vía da Prata o sábado no tramo entre as localidades ourensáns de Maceda e Luíntra; mentres que o Camiño Francés estará presente o domingo na última xornada coa contrarreloxo en Sarria.

Imaxes relacionadas